PARLAMENTO GALEGO

BNG pide ao goberno galego incrementar a oferta educativa e prazas de máster para o profesorado

Manu Lourenzo, Paulo Alonso, Sabela Méndez
Manu Lourenzo, Paulo Alonso, Sabela Méndez
Manuel Lourenzo traslada ao Parlamento a demanda da Asociación estudantil galega ERGUER e reproba que centos de futuros profesores/as deban cursar en universidades privadas fóra de Galiza, titulación indispensable para exercer
BNG pide ao goberno galego incrementar a oferta educativa e prazas de máster para o profesorado

O portavoz en materia de Educación do BNG, Manuel Lourenzo, rexistra diversas iniciativas para instar ao goberno a incrementar a oferta educativa nos máster acreditativos da formación pedagóxica e didáctica no Sistema Universitario Galego, cunha oferta de prazas que garanta as necesidades educativas de Galiza.

Lourenzo traslada esta demanda á Cámara galega, tras unha xuntanza cos representantes da Asociación estudantil, ERGUER, Paulo Alonso e Sabela Méndez na que abordaron a problemática de centos de futuros profesores galegos que deben cursar unha titulación indispensable para exercicio da docencia en universidades privadas e fóra de Galiza pola falta de oferta no noso país.

Lourenzo lembra que a lei obriga ao profesorado a contar cun título oficial de máster que acredite a formación pedagóxica e didáctica para poder exercer a docencia na educación secundaria, no bacharelato, na formación profesional e nas ensinanzas de idiomas.

Por outra banda, a Consellaría de Educación, Universidade e Formación profesional na orde do 24 de febreiro de 2020 para convocar procedementos selectivos ao corpo de profesores, establece como requirimento indispensábel para participar: “Posuír a formación pedagóxica e didáctica á que se refire o artigo 100.2 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación. Con carácter xeral, reunirá este requisito quen posúa o título oficial de máster universitario que habilite para o exercicio das profesións de profesor de ensinanza secundaria obrigatoria e bacharelato, formación profesional ou escolas oficiais de idiomas. A especialidade que conste no citado título facultará para a presentación do persoal aspirante en calquera especialidade”.

Segundo o establecido na lexislación educativa, recalca o deputado do BNG, “a formación pedagóxica e didáctica do profesorado é un requisito básico e obrigatorio para que o profesorado poda exercer as súas funcións no ensino galego”. E a pesar desta premisa para acceder á función docente, o sistema universitario galego mantén dende hai anos unha oferta educativa “tan cativa e insuficiente nos máster de acreditación de formación didáctica e pedagóxica que obriga ao alumnado a teren que se desprazar fóra do país e a matricularse en universidades privadas”.

Na actualidade, explica Manuel Lourenzo, a oferta educativa do máster de profesorado nas universidades galegas é dun total de 765 prazas para todas as especialidades distribuídas: 200 en Compostela, 80 en Lugo, 180 en Vigo, 48 en Pontevedra, 52 en Ourense e 225 na Coruña.

Estas cifras amosan “unha absoluta insuficiencia” ante a demanda de prazas dos aspirantes, e mesmo coas prazas de ensino ofertadas neste ano. No ano 2020 a Xunta ofertou un total de 1.174 prazas para 765 prazas de máster do profesorado. Con esta oferta fica de manifesto que por “cada 17 prazas que saca a concurso-oposición a Consellaría, tan só hai 11 de mestrado”, e dicir, por cada 100 prazas de oposición tan só hai 65 de mestrado. Debaixo desta media agóchanse realidades de titulacións que teñen como saída prioritaria a docencia e na que a oferta de prazas dos máster é de apenas 35 prazas en todo o país; cando “a demanda de cada promoción duplica mesmo as prazas ofertadas”.

A xuízo do deputado, “a raquítica oferta de prazas” representa unha “anomalía intolerábel” no ensino público galego polo que preguntará ao goberno que medidas vai aplicar para garantir unha oferta de máster de profesorado adaptada á demanda real de Galiza.
BNG pide ao goberno galego incrementar a oferta educativa e prazas de máster para o profesorado