O BNG pide ao Goberno que explique na Cámara as medidas adoptadas ante a posible incidencia do coronavirus en Galiza

Montse Prado
Montse Prado
Entende que, sen alarmismos, Almuíña e Conde deben comparecer para explicar os protocolos postos en marcha no ámbito sanitario e económico

O BNG considera necesario que o Goberno galego compareza no Parlamento, a través da Deputación Permanente, para explicar cales son as actuacións adoptadas e os protocolos acordados para facer fronte a unha posible incidencia do coronavirus en Galiza, tanto no ámbito da saúde pública, como no ámbito da economía, así como a unha afectación que poda ter na mobilidade das persoas.

A formación nacionalista considera que en Galiza non hai, a día de hoxe, motivo para a alarma, pero si é preciso que o Goberno galego teña unha actitude proactiva na comunicación e na información ante a cidadanía. Neste sentido, o Bloque demanda a comparecencia na Deputación Permanente tanto do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, como do titular de Economía e Industria, Francisco Conde.

Para o Bloque é importante que o Executivo galego dea conta das medidas de prevención adoptadas, se está previsto reforzar o persoal sanitario, se hai un protocolo específico para os traballadores e traballadoras do sistema público de saúde ou se por exemplo, desde a Xunta se está prestando apoio ou asesoramento aos galegos e galegas que están no exterior, en particular os que se atopan en países ou zonas de risco.

Igualmente, o BNG salienta que hai importantes empresas que poden ver afectado o  desenvolvemento da súa actividade e, polo tanto, é necesario arbitrar medidas que permitan anticiparse a esas situacións para facerlles fronte e evitar ou minimizar as consecuencias en termos de actividade económica e de emprego.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG