O PP vota en contra de ampliar a rede de Centros de Información ás Mulleres que propón o BNG

Iria Carreira
Iria Carreira

Iria Carreira reclamou un plan de formación para o persoal do SERGAS,  especialmente en Atención primaria, destinado a detectar e intervir nos casos de violencia machista

A deputada demandou avaliar o Protocolo de Coordinación e Cooperación entre as diferentes institucións fronte a violencia de xénero como figura no acordo plenario, por unanimidade, do 20 de novembro do ano 19

A deputada do BNG, Iria Carreira defendeu reforzar e ampliar a rede de Centros de Información ás mulleres co fin de garantir a cobertura no conxunto do territorio galego e, de maneira especial, naquelas comarcas que carecen deste servizo. A nacionalista tamén reclamou dotar de medios  os centros e reforzar o cadro do persoal nos CIMs que asuman máis carga de traballo. En este sentido, propuxo á Xunta a elaboración dun Plan específico con orzamento e un plan temporal para levalo a cabo.

O Partido popular votou en contra da proposta nacionalista que tamén incluía,  formación para o persoal do SERGAS, fundamentalmente en Atención Primaria, co fin  de detectar e intervir nos casos de violencia machista para a súa asistencia e tratamento así como remitir ao Parlamento galego, no prazo de tres meses, “unha avaliación do Protocolo de Coordinación e Cooperación entre as distintas institucións contra a violencia de xénero” como figura no acordo aprobado por unanimidade no Parlamento galego o 20 de novembro de 2019.

Nas portas  do Día Internacional contra a violencia machista, dende o BNG, dixo,  queremos lembrar a Mónica, a Soledad, a Clara, a Manuela, a Minaene, a Alba, a María Elena, a Sandra, a María del Carmen, a María, a Ana Belén, a María Judite, a María Magdalena, a Diana,  María José, e Virginia e pasado mañá reivindicaremos “a  loita feminista por elas, as que xa non están, mais tamén polas que resistimos e polas que están por vir”.  A violencia machista, recalcou Carreira aféctanos a todas pero tamén aos homes, e a súa responsabilidade de formarse,  coñecerse e detectar  as condutas que o patriarcado lles inculcou. Despois de “visibilizalas”, tanto en vós mesmos coma nos vosos grupos de colegas, deben ser corrixidas, porque a violencia machista,  “non é só cousa de mulleres”, subliñou.

A pandemia silenciou a violencia contra as mulleres

Desgraciadamente, engadiu, constatamos  como o terrorismo machista non cesa. Incluso cando hai un ano, por mor da irrupción da pandemia da COVID19, todo parou, pero a  “violencia machista só se silenciou”. Ao pechar as portas das  casas, moitas mulleres víronse condenadas a ficar co seu maltratador. En palabras de Ángeles Carmona, presidenta do Observatorio estatal contra a violencia de xénero: “As restricións á mobilidade permitiron aos maltratadores ter o control absoluto sobre as súas vítimas”.

Nesta  situación de dificultade para atopar unha saída, xogan un papel chave os Centros de Información ás Mulleres,  entidades municipais acreditadas pola Xunta de Galiza para prestar atención ás mulleres, sen embargo, en Galiza os centros non son suficientes como recoñeceu a propia  Secretaria Xeral de Igualdade tras unha pregunta  formulada polo BNG.

Na actualidade, existen 84 CIM que prestan asistencia a máis dun concello,  o 61% dos concellos galegos recibe a prestación de servizos a través dos CIM, que supón o 81% da poboación. Esta  distribución, explicou a nacionalista,  resulta  descompensada entre as provincias costeiras e  do interior, e  existen 21 concellos que non contan con ningún  CIM na súa comarca  como acontece en Becerreá, As Nogais, Baralla, Cervantes, Navia de Suarna, Pedrafita do Cebreiro, Meira, Pol, Ribeira de Piquín, Riotorto, Baleira, A Fonsagrada, Negueira de Muñiz, Castro Caldelas, Montederramo, Parada de Sil, A Teixeira, Arbo, A Cañiza, Covelo ou Crecente. Esta situación agrávase  en Lugo coa desprotección de toda a rexión oriental.

O 47% dos centros funciona co cadro de persoal mínimo esixido por lei, unha avogada e unha psicóloga e a ASOCIM vén de facer pública a denuncia desta situación para reclamar melloras nas condicións laborais.

Ademais de reclamar o reforzo da rede dos CIMs en Galiza, Iria Carreira insistiu nas medidas para a  “prevención e  detección precoz das violencias machistas” e lembrou que só se denuncia o 20% das agresións, é dicir “só 2 de cada dez casos son denunciados”.

Nesta liña, reiterou que  os servizos públicos, a educación ou os servizos sociais comunitarios, xogan un papel crucial, ao igual que no ámbito sanitario, a  Atención primaria, un servizo máis accesible para as pacientes e onde mellor poder abordar a detección e tratamento. “Contamos dende hai uns meses co Procedemento de cribado e actuación en saúde que debe coñecer todo o persoal do Sergas  para actuar tanto na prevención, como na detección e asesoramento posterior”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG