O BNG pide activar a seguridade ERTMS e unha investigación que aporte xustiza ás vítimas do Alvia

Ana Miranda e Ana Pontón
Ana Miranda e Ana Pontón

Ana Pontón: “5 anos despois os responsables políticos da traxedia seguen nos seus cargos porque PP e PSOE usan as institucións para blindalos”

Ana Miranda: “Ante as veas abertas de Angrois, non valen as bágoas de crocodilo nin palmadiñas no lombo das vítimas”

O BNG pide activar a seguridade ERTMS e unha investigación que aporte xustiza ás vítimas do Alvia

En vésperas do quinto aniversario do sinistro de Angrois, o BNG manda unha mensaxe de “alento” ás vítimas ao tempo que fai balance do accidente formulando dúas preguntas. En primeiro lugar, se hoxe podería repetirse a traxedia ante un fallo humano e, en segundo lugar, se os cargos políticos responsables de reducir a seguridade asumiron as consecuencias e permitiron que as vítimas recibiran a xustiza e a reparación que reclaman.

Para o BNG a resposta é negativa porque cinco anos despois, o Alvia circula sen as máximas medidas de seguridade que aportaría o sistema ERTMS, os responsables políticos, -entre eles os ex titulares de Fomento, José Blanco e Ana Pastor-, seguen ocupando cargos públicos e mesmo foron recompensados e, para rematar, ás vítimas non recibiron a xustiza nin a reparación que pedían, que permitiría curar tanto a ferida persoal como a ferida colectiva que deixou a traxedia.

“A veas abertas de Angrois”, describiu a eurodeputada Ana Miranda para sintetizar a situación actual. Por iso, a formación que lidera Ana Pontón ratifica o seu total compromiso coas vítimas e coa seguridade dos trens que circulan por Galiza e formula unha serie de propostas concretas.

En primeiro lugar, o Bloque pedirá no Parlamento co reinicio do curso político en setembro que se active de inmediato o sistema de seguridade ERTMS. “Queremos a máxima seguridade, foi o que se prometeu pero cinco anos despois non está cumprido”, denunciou Pontón, quen reclamou do Estado que deixe de darlle a Galiza “un trato de segunda” nas súas infraestruturas.

“Estou convencida que o AVE non entraría en Madrid nun punto con poboación sen ter garantida a máxima seguridade nunha curva de risco como Angrois, pero aquí todo vai lento e pasa sen adoptarse á máxima seguridade”.

A segunda cuestión é que o BNG “non tira a toalla” no seu empeño en crear unha comisión de investigación no Parlamento do país que sufriu o sinistro, e por iso pide ao PSdG que “reflexione”, porque é incomprensible que se sume ao PP no veto a esta proposta.  Igualmente, reclama unha investigación técnica obxectiva e independente, tal e como esixe a normativa comunitaria e como reclamou a Comisión Europea nun contundente informe contra a actuación do Estado español, de ADIF e de Renfe.

Ante sinistros que causan un gran impacto en vidas humanas e un gran impacto emocional persoal e colectivo, “a tónica dos partidos estatais, PP e PSOE é eludir sempre as súas responsabilidades utilizando as institucións para blindar a determinadas persoas cando deberían usalas para evitar ningún tipo de impunidade”, concluíu Pontón.

Informe europeo pendente

Pola súa parte, a eurodeputada Ana Miranda, lembrou o traballo do BNG tanto no Congreso como nas institucións comunitarias da man das vítimas, e foi precisamente un informe da Comisión Europea resultado dese traballo o que permitiu darlle unha posibilidade á vía xudicial, que o Goberno do Estado quixo pechar a toda costa cargando a responsabilidade no maquinista.

Miranda salienta que, por iniciativa do Bloque, está pendente o resultado do procedemento de infracción contra o Estado español solicitado para ditaminar se houbo incumprimento da normativa de riscos por parte deste estado membro. Ese informe, que será emitido en breve pola Axencia Ferroviaria Europea ditaminará se o Goberno central segue acumulando incumprimentos normativos ante Bruxelas, o que suporía un novo balón de osíxeno para as lexítimas reclamacións das vítimas.

O Goberno do PP non estivo a altura ao longo deste cinco anos, e non parece que a situación vaia mudar substancialmente coa chegada do PSOE á Moncloa, criticou Miranda. “Non serven nin bágoas de crocodilo nin vir mañá, -en relación aos actos previstos-, a dar palmadiñas no lombo á vítimas”, advertiu, ao tempo que ratificou o compromiso do Bloque “para que a causa sega aberta en Europa”.