O BNG pedirá no Parlamento o servizo completo de pediatría para os nenos e nenas de Zas

Encontro Plataforma Zas
Encontro Plataforma Zas

Ana Pontón: “Non se xoga coa saúde dos menores, nin imos permitir que o PP discrimine aos nenos e nenas no medio rural con recortes en sanidade”

O BNG pedirá no Parlamento o servizo completo de pediatría para os nenos e nenas de Zas

A portavoz nacional, Ana Pontón, e a portavoz parlamentaria de Sanidade, Montse Prado, mantiveron un encontro coa Plataforma Zas sen recortes de pediatría e con rexedor, Manuel Muíño, en relación aos recortes na atención sanitaria aos menores neste concello, que se salda co compromiso do BNG de defender no Parlamento unha proposición non de lei para reclamar un servizo de pediatría completo e sen recortes neste concello.

“Non pode haber nenos e nenas de primeira e de segunda, Zas debe ter un servizo de pediatría completo e non recortado de 15 horas, e no BNG temos claro que non se pode permitir esta discriminación da Xunta no acceso ao servizo de pediatría simplemente por vivir no rural”, salientou a portavoz nacionalista tras o encontro.

“É de sentido común que un menor non teña que esperar até as 12.00 para ir ao médico, ademais dun recorte non seus dereitos provoca problemas mesmo de conciliación aos proxenitores e supón unha discriminación para os veciños e veciñas de Zas que pagan os mesmos impostos que todos”, argumenta Pontón.

Neste sentido, o BNG asume a petición dos país e nais, secundada polo goberno local que lidera Muíños. “Non imos permitir que o PP xogue coa saúde dos nenos e nenas de Zas que teñen dereito aos mesmos servizos que se viviran en calquera outro punto do país”, salientou, ante un Goberno de Feixóo que ten a sanidade “no seu punto de mira, a base de recortes e recortes”.

O que está pasando en Zas co servizo de pediatría “é unha consecuencia deses recortes en atención primaria, 188 millóns de euros menos só nos orzamentos de 2019”, alegou Pontón.

A proposición non de lei que o Bloque leva ao Parlamento reclama a cobertura total de pediatría no concello de Zas “porque non se pode xogar coa saúde das persoa e moito menos coa saúde dos nenos e das nenas, non son números e teñen dereito a recibir un servizo de pediatría que atenda ben as súas necesidades e que garanta que van ser nenos e nenas sans. Ese é un obxectivo que reivindica a veciñanza de Zas e compartido polo BNG”, concluíu a dirixente nacionalista.