parlamento galego

BNG pedirá no Parlamento a retirada do proxecto de lei da universidade privada

O deputado Manuel Lourenzo advirte que o PP pon a universidade galega ao servizo dos “grandes fondos voitre” con este proxecto lexislativo e propón reforzar o investimento na universidade pública

BNG pedirá no Parlamento galego a retirada do proxecto de lei da Xunta para a creación da primeira universidade privada en Galiza, un proxecto de lei que, segundo explica o portavoz nacionalista de Educación, Manuel Lourenzo, “non ten máis obxectivo que afondar nas políticas de privatización e desmantelamento dos servizos públicos, neste caso da universidade galega, que leva caracterizado o último decenio do PP no goberno”.

Ante o seu inminente rexistro na Cámara, o BNG avanza a súa oposición a este proxecto lexislativo que non só considera “absolutamente innecesario” nun país que conta con tres universidades públicas e sete campus distribuídos por todo o territorio, senón porque, ademais, supón a posta a disposición “da nosa universidade ao servizo dos grandes fondos internacionais”, advirte Lourenzo.

“De ningunha maneira principios básicos da educación como son os de igualdade, mérito e capacidade poden ser substituídos polos intereses económicos de grandes fondos voitre que atopan no desmantelamento do sistema universitario galego un novo nicho de mercado”, recalca o deputado nacionalista, para reclamar a continuación o compromiso do Executivo galego coa universidade pública.

Así, o Bloque propón reforzar o investimento no sistema público para dotalo dos recursos necesarios, “con taxas de investimento similares ás dos países europeos con universidades de referencia”. Lourenzo incide en que “fronte á privatización, o noso modelo pasa por consolidar unha universidade pública que poña todo o potencial investigador e toda a capacidade da nosa docencia e do noso alumnado no lugar que lle corresponde: na vangarda universitaria de Europa”.

Neste sentido, cómpre lembrar que o BNG xa denunciou o infrafinanciamento do sistema universitario non só nos orzamentos galegos deste ano, senón tamén nos dos exercicios anteriores, e que ten presentado distintas emendas ás contas da Xunta para corrixir este déficit. “A nosa proposta pasa por homologar as taxas de investimento na nosa universidade coas de universidades europeas punteiras”, incide o portavoz nacionalista de Educación. “Esta é a aposta do BNG, a defensa dunha universidade pública galega e de calidade e así o trasladaremos ao Parlamento”, conclúe.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG