O BNG pedirá una nova declaración ambiental se o proxecto mineiro Man da Moura é retomado pola Xunta

Noa Presas e Montse Prado
Noa Presas e Montse Prado

Noa Presas levou ao Parlamento a situación da canteira da comarca do Ribeiro e denunciou a falta de “información e transparencia" da Xunta que, a día de hoxe, non  remitiu a documentación reclamada polo BNG

A través dunha pregunta parlamentaria ao goberno, a deputada nacionalista, Noa Presas anunciou que  BNG reclamará unha “nova declaración de impacto ambiental” se é retomado o proxecto mineiro Man da Moura.

INDUSTRIA CONFIRMA AO BNG QUE A DECLARACIÓN DE IMPACTO AMBIENTAL É DE 1997
En resposta á pregunta formulada pola deputada do BNG sobre as previsións do Goberno para retomar o proxecto mineiro, o director Xeral de Enerxía e Minas, Xosé Bernardo Tahoces confirmou  que o Procedemento de caducidade da concesión está iniciado e que a única declaración de impacto ambiental é do ano  1997.

Para a deputada, este dato confirma a “necesidade dunha nova declaración medio ambiental” dunha zona de “valor patrimonial” coa existencia de  xacementos arqueolóxicos.

Por outra parte, Presas trasladou ao Parlamento a preocupación da veciñanza dos concellos de Ribadavia, Carballeda e Melón ante as consecuencias do proxecto mineiro nas “augas subterráneas” para o  abastecemento de auga destes  concellos.

Ante a  falta de información e transparencia da Xunta de Galiza, que “nin contestou aos concellos afectados de Ribadavia, Carballeda de Avia e Melón nin aos grupos parlamentares”, a deputada denunciou  que a Xunta “causou un alarmismo innecesario”

Para o BNG, dixo,  é preciso que sexa remitida a documentación da declaración ambiental para confirmar os requirimentos en canto  á restauración ambiental e se “existe algún tipo de fianza” e con que contía. Unha información, engadiu Presas  que a Xunta non facilitou e que resulta  fundamental no caso de que o proceso de caducidade non avance. No suposto  de retomar o proxecto mineiro, o BNG, remarcou a nacionalista,  pedirá “unha nova declaración que sexa esixente coa prevención e a rexeneración e que busque o  consenso veciñal”. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG