BNG participa en Ankara na delegación internacional de observación no xuízo ao Partido Democrático do Pobo-HDP

Ana Miranda xuízo HDP Ankara
Ana Miranda xuízo HDP Ankara
Ana Miranda representa ao Bloque nos actos de solidariedade cos 108 representantes do HDP procesados no denominado “caso Kobanî”
BNG participa en Ankara na delegación internacional de observación no xuízo ao Partido Democrático do Pobo-HDP

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, participa na misión de observación internacional desprazada a Ankara para asistir ao xuízo contra 108 cargos electos do Partido Democrático do Pobo-HDP, noutra das actuacións sistemáticas de represión e persecución do goberno de Erdogan contra o HDP. “Desde o Bloque sumámonos ás accións internacionalistas de solidariedade e condena contra a persecución que impulsa o goberno turco, como é o xuízo do chamado caso Kobani”, manifesta a coordinadora de Relacións Internacionais do BNG.

Ana Miranda traslada ao HDP a solidariedade da Executiva Nacional do BNG fronte a represión á que Turquía somete ao Partido Democrático do Pobo–HDP. Deste xeito, mantén diversos encontros cos cargos electos do HDP, así como cos seus representantes legais e familiares, cos que a portavoz do Bloque en Europa mantén unha longa relación tanto polas accións desenvolvidas no Parlamento Europeo, a misión de observación no xuízo sobre o encarceramento do líder do HDP, Selahattin Demirtaş, como na Asemblea parlamentar conxunta Unión Europea–Turquía. Precisamente hai un ano participaba no congreso anual do Partido Democrático do Pobo–HDP representando á Executiva Nacional da forza nacionalista galega.

O xuízo “Kobanî Case”, -contra 108 representantes do HDP, incluídos os seus copresidentes Selahattin Demirtaş e Figen Yüksekdağ, e parlamentares e representantes municipais- é crucial xa que non só afecta ao futuro do HDP senón tamén á democracia en Turquía. Segundo explica Ana Miranda, este caso “está sendo usado polo goberno de Erdogan para atacar ao HDP na vía xudicial e política, descabezando a cúpula política coa ameaza de ilegalización, cuestión que leva denunciando o BNG en numerosas ocasións”.

Chamamento á solidariedade internacional

A acusación contra o HDP baséase nun chío en Twitter, escrito o 6 de outubro de 2014, no que se chamaba a sumarse ás protestas solidarias con Kobanî, (cidade curda no norte de Siria), que loitaba daquela contra os ataques do ISIS e o embargo turco á cidade, protestas nas que foron asasinadas pola policía turca 37 persoas simpatizantes do HDP sen que houbera ningunha investigación. Seis anos despois desas protestas, o Goberno de Erdogan, co apoio do seu partido o AKP, acusa ao HDP de incitar á violencia co chamado a manifestarse. Pola contra, a Corte de Dereitos Humanos de Estrasburgo ditaminou que a chamada ás protestas feita polo HDP non constitúe violencia.

“No BNG non imos deixar só ao Pobo Curdo e aos representantes do HDP fronte aos continuos ataques á democracia de Erdogan, mentres se criminaliza ao terceiro partido de Turquía, por ser procurdo e por ser de esquerdas, mentres a UE séntase con Erdogan para facer acordos vergoñentos”, salienta a coordinadora de Relacións Internacionais do BNG, quen fai un chamamento a sumarse no luns 26 á campaña internacional nas redes sociais simultánea á celebración do xuízo baixo as etiquetas #SolidarityWithHDP e #DefendKobani.

 

BNG participa en Ankara na delegación internacional de observación no xuízo ao Partido Democrático do Pobo-HDP