O BNG parabeniza a Camilo Nogueira polo seu Premio Europeo 2019, concedido pola Fundación Coppieters

Camilo Nogueira
Camilo Nogueira
Ana Pontón considera que o recoñecemento ao político galego é “un premio merecidísimo polo seu incansable traballo a favor de Galiza”
A Executiva Nacional do BNG congratúlase de que a Fundación Coppieters, vencellada á Alianza Libre Europea, conceda o seu Premio Europeo 2019 ao ex eurodeputado do Bloque, Camilo Nogueira. “É innegable que o recoñecemento a Camilo Nogueira supón unha excelente nova non só para o BNG, senón para toda a sociedade galega”, salienta Ana Miranda, quen en representación da Executiva Nacional do BNG e da Fundación Galiza Sempre acompaña a Nogueira na recollida do premio, que se celebra esta tarde na capital europea.

A portavoz nacional, Ana Pontón, como o BNG a través das súas redes sociais, parabenizou ao ex eurodeputado nacionalista por este galardón, “un premio merecidísimo polo seu incansable traballo a favor de Galiza, do seu dereito a existir como nación libre e soberana no mundo, pola defensa que sempre fixo dos sinais de identidade deste pobo e por poñer o seu talento e coraxe político a favor dun futuro mellor para os galegos e as galegas”, subliñou a líder do Bloque.

Con esta distinción, o Centre Maurits Coppieters quere agradecer o traballo de Camilo Nogueira pola autodeterminación dos Pobos, pola democracia, o internacionalismo e a paz. “Estou moi contento de que me fagan entrega deste premio. Para min ten moita importancia persoal porque non deixo de estar nunha entidade singular no mundo enteiro”, manifesta o histórico dirixente do nacionalismo, quen subliña que na Unión Europea “non é posible a pena de morte e por outro lado pode ser un apoio fundamental para cambiar o futuro”.

Longa traxectoria

O político galego critica que neste momento se produza a circunstancia de que no Estado español ponse en cuestión o dereito a de autodeterminación. “É unha cousa curiosa porque incluso no referido a Cataluña parece estar prohibido tratar este tema nunha reunión”, sinala ao respecto, salientando que Galiza é “unha nación no mundo” e que este asunto foi xa tratado no Parlamento galego a través de diversas iniciativas que el mesmo impulsou. Nogueira foi deputado na Cámara galega nas lexislaturas 1981-85, 1985-89, 1989-93 e no período 1997-99 até que foi eurodeputado, de 1999 a 2004.

Precisamente desde o Parlamento europeo, propiciou a participación galega no Foro Social Mundial e na Rede Mundial polos Dereitos Colectivos dos Pobos en defensa da autodeterminación. Presidiu ademais o Intergrupo de nacións sen estado, defendeu o pleno recoñecemento da diversidade lingüística da UE e o fortalecemento de relacións entre Galiza e Portugal.

Pola súa banda, a Fundación Coppieters, que toma o seu nome do político flamenco Maurits Coppieters impulsor da creación da Alianza Libre Europea (ALE), promove a investigación sobre políticas a nivel europeo e internacional, centrando as súas prioridades na diversidade cultural e lingüística, a autodeterminación, os dereitos humanos e a promoción da paz.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG