O BNG parabeniza a Camilo Nogueira polo Premio Europeo 2019 da Alianza Libre Europea

Miranda candidatura ALE
Miranda candidatura ALE

Ana Miranda representa ao Bloque na Asemblea Xeral da ALE que se celebra en Bruxelas

A Alianza Libre Europea vén de respaldar a proposta defendida polo presidente da Fundación Coppieters, Xabier Macías, e apoiada polo BNG, de conceder o Premio Europeo 2019 ao exeurodeputado do Bloque, Camilo Nogueira. “Este recoñecemento a Camilo Nogueira é unha excelente nova non só para o BNG, senón para toda a sociedade galega, xa que estamos diante dun dos grandes políticos galegos do nacionalismo cun traballo recoñecido por todo o mundo”, subliña Ana Miranda, quen lembra con agarimo os seus inicios no Parlamento Europeo xunto ao político galego.

A eurodeputada do BNG e coordinadora de Política Internacional da formación nacionalista, Ana Miranda, participa na asemblea xeral da ALE que se celebra estes días en Bruxelas en representación ao Bloque, xunto con Lucía Vecino, pola Fundación Galiza Sempre; e Xabier Macías en calidade de presidente de Coppieters. 

Por o outro lado, a asemblea da ALE – organización creada en 1981 e integrada actualmente por máis de 40 partidos políticos que defenden a autodeterminación-, aprobou un manifesto para as eleccións europeas no que defende o dereito a decidir dos pobos, en tanto que considera que todos os pobos teñen dereito a decidir o seu futuro, na defensa da súa liberdade e dereitos. Para Miranda o fin radica en “construír unha Europa de todos os Pobos e non só dos Estados que moitas veces actúan de xeito egoísta, como vimos moitos exemplos da ausencia da defensa dos temas galegos por parte do Estado español”.

O Manifesto foi asinado polas candidatas e candidatos que se presentan ás eleccións europeas do vindeiro 26 de maio, entre elas a cabeza de lista do BNG a nacionalista galega Ana Miranda. Nel, tamén son recollidos principios básicos como a igualdade de xénero, a loita contra o cambio climático e protección da natureza, a xustiza e equidade social, unha Europa pacifista, o apoio aos procesos democráticos dos Pobos europeos, o apoio á mocidade e, por suposto, a solidariedade internacionalista que caracteriza a ALE na defensa dos diversos Pobos e nacións sen estado e os Pobos oprimidos do mundo. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG