O BNG de Ourense reivindica a figura do nacionalista Castelao

Acto Castelao
Acto Castelao

O domingo finaliza a exposición do autor galego na Deputación Provincial

Luis Seara: “queremos honralo como merece, sen alterar nin deturpar o que é, o que representa”

O BNG honra a figura de Castelao cun acto reivindicativo xunto a Deputación Provincial de Ourense este domingo por seren o último día que as ourensás e ourensáns poden contemplar a obra de Castelao. O candidato a alcaldía polo BNG en Ourense, Luis Seara, renega do discurso histórico do PP de Ourense en relación a Castelao pola alteración que estes fan á figura do autor.

“A derradeira lección do mestre”, cadro de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, foi pintada en 1945 na cidade arxentina de Bos Aires. A súa conservación pasou ás mans do Centro Galego de Bos Aires. As historiadoras e historiadoras, así como as persoas especializadas na figura de Castelao, explican que a obra é unha homenaxe ao seu amigo e compañeiro de organización Alexandre Bóveda, fusilado polo bando fascista durante a Guerra Civil en 1936. Asemade, sinalan que o cadro representa o intento do fascismo por destruír o nacionalismo galego.

 “Durante estes días asistimos atónitos a como, de xeito indecente, algúns se empeñan en patrimonizalizar e apropiarse de símbolos externos. Eses mesmos que tratan de alterar a historia e facer críbel o que non pasou” sinala o cabeza de lista para as municipais en Ourense polo BNG, Luis Seara. Continúa expoñendo que  no goberno de Rajoy, o PP negouse a aplicar a lei de memoria histórica do 2007, presumindo de non gastar un so euro na implementación da mesma. Ignorando tamén os informes do Comité da ONU sobre desaparicións forzadas.

O mesmo acontece co goberno de Feixoo na Xunta de Galiza xa que “laminou todos os programas de Memoria Histórica do 2005-2009: Proxecto Nomes e Voces, San Simón Illa da Memoria, Consello da Memoria, axudas a entidades...” enumera Luis Seara. O PP no Parlamento Galego leva rexeitando todas as propostas relacionadas coa Recuperación da memoria histórica. A última no pleno do pasado martes, 12 de Marzo co debate da Proposición Non de Lei presentada polo BNG.

“Teñen que decidir de que lado están, Soltar o lastre do pasado sair do armario da historia, un armario que fede a naftalina. Deixar de actuar como testaferros ideolóxicos e biolóxicos do franquismo. Non chega con maldicir o franquismo coa boca pequena. Non é suficiente con proclamar, é preciso practicar” finaliza Luis Seara.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG