O BNG organiza na Eurocámara unha xornada sobre a execución dos fondos europeos para o saneamento da auga

Ana Miranda
Ana Miranda

A eurodeputada Ana Miranda expresa na sesión plenaria o apoio aos movementos de loita contra o cambio climático

A eurodeputada do Bloque, Ana Miranda, expresou hoxe na sesión plenaria de Estrasburgo a preocupación do BNG polo cambio climático e manifestou o seu apoio á marcha a do 15 de marzo e aos movementos da mocidade que teñen como eixo central a loita contra este fenómeno global. Precisamente os seus representantes participaron este semana no pleno en Estrasburgo e nunha das reunións do traballo do grupo Verdes-ALE ao que pertence o BNG na Eurocámara.

Neste contexto, a eurodeputada galega avanzou que a vindeira semana, en concreto o xoves 21, o Bloque celebrará en Bruxelas unha xornada de traballo que terá como eixo central a demanda da auga como dereito fundamental e a aplicación da normativa europea da auga en Galiza. Nesta conferencia participarán, por un lado, representantes da DA Comisión Europea, tanto da Dirección Xeral de Medio Ambiente así como da dos Fondos de Cohesión; e, por outro, representantes de colectivos e asociacións medioambientais europeas e galegas de defensa da auga.

Así, na xornada intervirán tamén responsables en Defensa da Nova Cultura da Auga, a Plataforma Ríos Limpos, a Coalición Internacional de Ríos Vivos, a Plataforma pola Defensa do Río Verdugo, a Plataforma en Defensa da Ría de Vigo, a Plataforma Salvemos o Támega e a Plataforma Non á Ampliación da depuradora dos Praceres, entre outros colectivos, asi como representantes locais do toda Galiza.

“Para o BNG o tratamento, o saneamento e a calidade da auga representan prioridades políticas, dada a súa relevancia non só para o medio ambiente e a saúde, senón tamén para sectores tan importantes en Galiza como o pesqueiro e o marisqueiro ”, subliña Ana Miranda, quen lembra que o pasado 21 de xaneiro, a Comisión de Peticións da que é titular na Eurocámara, decidiu reabrir a petición sobre a ría de Vigo e do Burgo tras a achega de nova información por parte da Plataforma en Defensa da Ría de Vigo e da Confraría de Pescadores da Coruña.

Análise de país

A eurodeputada nacionalista explica que a conferencia do 21 de marzo dará continuidade a este traballo e salienta que o saneamento da auga, o cumprimento da normativa europea e a execución dos fondos europeos é unha problemática que afecta ao conxunto do país e de aí o seu obxectivo de “dar voz a colectivos diversos” que leven a Bruxelas os problemas globais de Galiza pero analizados desde unha perspectiva local.

“Cando rematemos a conferencia queremos ter unha ampla radiografía do que acontece en Galiza, cunha análise pormenorizada, e ser quen de poñer sobre a mesa as opcións máis acaídas para cada caso pois os fondos europeos non se empregaron debidamente para o saneamento e isto incide no cambio climático tamén no noso país”, salienta a eurodeputada do Bloque.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG