O BNG non apoirá o teito de gasto por insuficiente en servizos públicos, dependencia e emprego

Ana Pontón
Ana Pontón

A portavoz nacional, Ana Pontón, avanzou que o BNG vai votar en contra da propostas de teito de gasto que o Goberno de Feixóo remite ao Parlamento por considerar que é insuficiente “para cubrir as necesidades en materia de servizos públicos, dependencia e creación de emprego”, en definitiva, “insuficiente para empezar a reverter os efectos dos recortes”.

A líder do Bloque criticou ademais que o PP reduce o debate a un “paripé”, posto que fixar o topo de gasto tería que ser o primeiro paso para a elaboración duns orzamentos que xa están redactados, e polo “sen sentido” de que a capacidade de gasto de Galiza “se decida e centos de quilómetros en Madrid e Bruxelas” reducindo a mero “formalismo burocrático” un debate que debería ser clave para as contas de 2019.

Con ese teito de gasto, “no se recuperará emprego nin calidade de vida”, advertiu Pontón, quen salientou a necesidade que ten Galiza dun novo sistema de financiamento para superar o modelo actual, “insuficiente, obsoleto e inxusto” co país.

Solidariedade contra o lume

A política nacionalista fixo referencia ao aniversario da tráxica vaga de lumes que fai un ano arraxou 49.000 hectáreas, provocou perdas millonarias e a morte de catro persoas “que lembramos”, -salientou-, como dramático balance da que foi a maior catástrofe ambiental da última década. “Vimos unha sociedade galega que estivo á altura das circunstancias e  que loitou solidariamente contra o lume”, subliñou.

Sen embargo, un ano despois o Goberno de Feixóo “non tomou nota e segue coa mesma política forestal pirómana, de abandono do rural e de aposta polo eucalipto, unha política forestal hipotecada aos intereses de ENCE e de FINSA”. O BNG urxe un cambio de rumbo e ofrece “man tendida para mudar o guión” cara un monte ordenado e multifuncional que deixe atrás un modelo “fracasado” no que a superficie agraria útil e substituída por especies pirófitas.

“O mellor que pode facer o PP é retirar o plan forestal que se está tramitando e que só beneficia a dúas empresas”, instou, ao tempo que insistía na necesidade de apostar por un monte multifuncional e por un Plan integral de loita contra os lumes.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG