BNG mantén unha ofensiva para axilizar a conexión ferroviaria Vigo-Porto e impulsar o Corredor Atlántico

Xabier P. Igrexas e Ana Miranda
Xabier P. Igrexas e Ana Miranda
Ana Miranda e Xabier P. Igrexas reclaman a modernización e mellora da rede e dos servizos ferroviarios, que inclúen a saída sur de Vigo como instrumento fundamental de vertebración territorial

Diante da inacción do goberno estatal para impulsar a vertente galega do Corredor Atlántico e mellorar a conexión ferroviaria entre Vigo e Porto, a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, e o portavoz municipal do BNG vigués, Xabier P. Igrexas, subliñaron que o BNG está desenvolvendo unha ofensiva nas institucións para que Galiza non continúe no retraso de vertebrar as conexións entre Galiza e o norte de Portugal.

Para o Bloque é imprescindible a modernización e a mellora do servizo da liña ferroviaria entre Vigo e Porto e por iso vén de presentar iniciativas no Parlamento Europeo e no Congreso para que estas infraestruturas e a integración da liña de mercadorías Vigo – Porto no Corredor Noroeste teñan garantido o financiamento con fondos europeos. En concreto, a iniciativa presentada na Eurocámara a través da coalición na que está integrada o Bloque pregunta os prazos concretos e o orzamento para desenvolver as infraestruturas correspondentes.

O BNG considera fundamental acometer a modernización e mellora da rede e os servizos ferroviarios, que inclúen a saída sur de Vigo, como instrumento fundamental de vertebración territorial, cohesión social, desenvolvemento sustentable e conciliación entre a vida laboral e familiar. “Trátase dunha reivindicación histórica que leva 20 anos de anuncios”, salientan. “A falta de vontade política de PP e PSOE nos sucesivos gobernos do Estado para levar a cabo a modernización da liña entre Vigo e Porto impide que Galiza deixe de estar discriminada, xa que decidiron investir noutros territorios en detrimento de Galiza, o cal só provoca un retraso continuado das datas”, explica Ana Miranda.

Defensa desde Portugal

“Resulta moi curioso que sexa o primeiro ministro de Portugal o que reclame a alta velocidade entre Galiza e Portugal e defenda a mellora da conexión ferroviaria entre Lisboa e Vigo”, comenta Ana Miranda en relación ás declaracións de Antonio Costa, quen en diferentes manifestacións salientou a importancia de reducir os tempos de viaxe entre Vigo e Porto. De feito, xa en 2020 o goberno portugués publicou o Programa Nacional de Investimentos 2030 que no referido ao transporte ferroviario dá interese estratéxico ás conexións Lisboa-Porto e entre Porto e o Miño.

Este proxecto contempla, unha vez desenvolto este plan, a duración da viaxe entre Vigo e Porto reducirase de 2 horas 23 minutos a 55 minutos e a viaxe entre Vigo e Lisboa quedaría reducida a 2 horas e media. Neste sentido, a iniciativa presentada polo Bloque no Congreso pregunta ao goberno español que posición mantén o Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana ante las declaracións do Ministro luso del ramo, apelando a impulsar a modernización da conexión ferroviaria Vigo – Porto.

Conexión estratéxica para Vigo

Por outra parte, o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, subliñou a “importancia estratéxica” que para Vigo e a súa área ten a conexión ferroviaria con Portugal. “Trátase dun elemento esencial se queremos liderar a Eurorrexión Galiza – Norte de Portugal”, advertiu.

Igrexas cualificou de “indefendíbel” que nesta altura dúas urbes como Vigo e Porto estean conectadas por apenas dúas frecuencias diarias cun tren que tarda case 2 horas e media en completar o percorrido. “Algo así non sucede en ningún outro lugar de Europa. Falamos dun tren que tarda case 45 minutos máis que o traxecto en coche por estrada para conectar dúas grandes áreas urbanas”, enfatizou.

O portavoz municipal nacionalista urxiu a mellora substancial de frecuencias, a modernización da infraestrutura e do material rodante na conexión convencional, e instou a acelerar de verdade o desenvolvemento da Saída Sur para completar a conexión de alta velocidade.

A respecto desta última cuestión, Igrexas afirmou que “o feito inaceptábel de que en pleno 2022 inda esteamos pendentes dun estudo de alternativas para a Saída Sur é a evidencia incontestábel do abandono que Vigo e Galiza padecemos en materia ferroviaria por parte dos sucesivos gobernos españois, do PSOE ou do PP”.

Igrexas reclamou ao actual executivo central de PSOE e Unidas Podemos que abandone a “cegueira centralista” coa que seguen castigando a cidade e o conxunto do noso País. “As viguesas e vigueses estamos xa fartas da promesas e boas palabras. Queremos compromisos reais no BOE”, esixiu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG