BNG logra a unanimidade do Parlamento para que o Estado manteña os centros de sanidade marítima de Corcubión e Muros

Rosana Pérez
Rosana Pérez
A iniciativa da deputada Rosana Pérez, a Xunta exixirá tamén ao Goberno central a cobertura inmediata da persoa que atendía o servizo de Corcubión

O BNG acadou o acordo unánime do Parlamento galego para instar á Xunta a demandar do Estado o mantemento dos centros locais de sanidade marítima de Corcubión e de Muros e a cobertura, de xeito inmediato, da baixa da persoa que viña atendendo o servizo de Corcubión. A iniciativa defendida pola portavoz nacionalista de Pesca, Rosana Pérez, tamén reclama o mantemento a pleno funcionamento de todas as instalacións de sanidade marítima para dar o servizo requirido polo sector pesqueiro en todo o territorio galego e a reforzar as plantillas para poder “dar a cobertura de calidade que o sector demanda e merece”.

Pérez lembrou que entre 2009 e 2012 o Goberno central levou a cabo o peche das oficinas do Instituto Social da Mariña (ISM) en Muxía, Laxe e Fisterra, en prol da que daquela argumentou como “racionalización e eficacia dos recursos, tanto materiais como humanos do ISM”. “Parecen ser Corcubión e Muros os que están agora no punto de mira dos peches e dos recortes”, advertiu, para a continuación subliñar que as e os propios profesionais do mar “veñen de denunciar publicamente o posíbel peche do centro local de sanidade marítima de Corcubión que atende aos traballadores e traballadoras do mar pertencentes aos concellos de Cee, Corcubión, Fisterra, Muxía, Camariñas, Laxe, Ponteceso e Malpica”.

A isto engadiu que é tamén o propio sector “o que está advertindo sobre a intención do ISM do peche do de Muros para centralizar na cidade da Coruña o recoñecemento médico ao que están obrigados todos os mariñeiros que queiran embarcar”. Neste sentido explicou que o ISM leva a cabo actuacións preventivas en materia sanitaria e realiza de forma periódica os recoñecementos previos ao embarque dos traballadores e traballadoras do mar, que teñen por obxecto garantir que as súas condicións físicas e psíquicas sexan compatíbeis coas características do posto de traballo e non supoñan un perigo para a saúde e seguridade do resto da tripulación.

De igual xeito, recordou que o Instituto tamén desenvolve formación sanitaria específica, vacinacións, revisións de botiquíns de a bordo, estudos epidemiolóxicos e seguimento dos procesos patolóxicos das e dos profesionais do sector. Nesta liña recalcou que no centro local de sanidade marítima de Corcubión realízase este importante labor, pero alertou de que, actualmente e a pesar da esixencia dos recoñecementos médicos por parte das Capitanías Marítimas, “xa non se dan citas, e mesmo as que estaban previstas están sendo anuladas debido á baixa por enfermidade da persoa que viña atendendo ese servizo sen que fose substituída e sen que se puidesen continuar todas as actividades de sanidade marítima necesarias en toda a súa área de influencia”.

Para a portavoz nacionalista de Pesca, a desaparición deste servizo “crearía graves problemas” para un sector que xa ten que facer fronte a innumerábeis requisitos e demasiados gastos, que se verían incrementados cos desprazamentos e, o que ao seu xuízo “é máis grave aínda: coa perda de días de traballo”.

Ante esta situación, na argumentación da iniciativa Rosana Pérez lembrou que a Costa da Morte é unha zona mariñeira cunha importante flota de baixura e marisqueo e, polo tanto, “cun grande número de veciños e veciñas que dependen deste servizo para poder desenvolven a súa actividade no sector do mar”. “Resulta, pois, imprescindíbel que se cubra á maior brevidade a praza do persoal médico que agora está de baixa e que se garanta que se siga a prestar a asistencia sanitaria obrigatoria aos mariñeiros que pertencen ao centro local de sanidade marítima de Corcubión”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG