BNG logra o compromiso da Xunta para manter ás traballadoras sociais nas oficinas de atención ás vítimas de violencia de xénero

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Rodil emprazou ao Goberno do PP a incluír persoal xurídico neste servizo,  “porque son moitas as mulleres vítimas que precisan asesoramento legal”

BNG obtivo no Parlamento o compromiso da Xunta, a través da titular de Emprego, para manter ás traballadoras sociais das oficinas de atención ás vítimas de violencia de xénero, cuxo futuro laboral non fora aclarado polo Goberno do PP, pese a ser responsable da continuidade destes empregos.

A viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, denunciou que as traballadoras “recibiron información contraditoria” por parte do Executivo en relación a seus empregos, de tal xeito que até hoxe aínda non se lle comunicara a prórroga dos seus contratos nestas oficinas. A deputada enxalzou “o servizo esencial” que realizan estas traballadoras sociais para informar e apoiar ás mulleres vítimas da violencia machista.

Unha función de apoio que é especialmente importante no caso das adolescentes vítimas de violación, trata ou agresións sexuais, situacións nas que é vital “unha asistencia inmediata”. A nacionalista argumentou que, precisamente pola importancia do labor destas traballadoras, é preciso que teñan estabilidade laboral e reclamou ao Goberno do PP que esa estabilidade quede garantida  “incluso con fondos propios da Xunta” se fora preciso.

Rodil reprobou ao Executivo que, ademais de manter en precario a traballadoras dun  servizo esencial, estas oficinas non dispoñan de profesionais en asesoramento xurídico, “pese a que as mulleres afectadas precisan apoio legal sobre os seus procesos xudiciais”, argumentou, tras insistir na importancia de proporcionar esta axuda legal. “É no eido xudicial onde se pode producir unha vitimización secundaria que a lexislación esixe previr e evitar”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG