O BNG logra que a Comisión non peche a petición sobre as preferentes e a remita aos coordinadores para estudala de novo

Ana Miranda afectados preferentes
Ana Miranda afectados preferentes

Ana Miranda critica a dureza coa que se trata aos preferentistas fronte a benevolencia cos bancos

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, defendeu na Comisión de Peticións celebrada hoxe que a petición sobre os afectados polas preferentes e as subordinadas se manteña aberta dado que aínda non están solucionados todos os casos. En consecuencia, a petición será remitida aos coordinadores da Comisión para o seu novo estudo.

Tras expresar o apoio do BNG aos peticionarios, Ana Miranda lembrou que a petición sobre esta “estafa colectiva”, que afectou a miles de persoas ás que non se lles informou debidamente ou que non tiñan a declaración de idoneidade, leva aberta desde 2012. Neste sentido, os peticionarios Xulio González e Xesús Domínguez, representantes das plataformas de estafados por preferentes e subordinadas de Galiza. explicaron que Caixa Galicia e Caixa Nova venderon preferentes e subordinadas a todo tipo de aforradores, na súa maioría persoas maiores ou descoñecedoras dos riscos e en contra normas ditadas desde o propio Banco de España e a CNMV.  

De feito, as preferentes convertéronse “nunha gran estafa” xa que as autoridades españolas (Banco de España, CNMV e Ministerio de Economía) primeiro permitiron e logo potenciaron que os bancos e caixas se capitalizaran a través destes produtos e finalmente determinaron que os aforradores debían contribuír ao rescate das entidades con dificultades, con quitas de até un 70%. Para a eurodeputada nacionalista, na normativa posta en marcha posteriormente “contrasta a dureza aplicada aos preferentistas coa benevolencia coa que se tratou aos bancos”.

Facer política

En resposta ás críticas esgrimidas pola eurodeputada popular Rosa Estarás, que acusou a Miranda de “facer política”, a eurodeputada nacionalista subliñou que se a petición leva aberta desde 2012 é porque “desde entón non fixeron nada”. Lembrou ao respecto que comezou o seu escano o 1 de marzo de 2018 “e fixen o meu traballo, que é escoitar aos peticionarios e enviar cartas aos gobernos solicitando información sobre este tema”.

Ana Miranda quixo, ademais, parabenizar o traballo desenvolvido polas plataformas de afectados, grazas a cuxa presión e mobilización os pequenos aforradores conseguiron recuperar máis do 90% dos aforros estafados, así como polo seu esforzo de recompilación de toda a información pertinente. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG