Parlamento Galego

O BNG logra axilizar a creación da comisión de reactivación económica e social para empezar a traballar de inmediato no reto de erguer Galiza

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Rodil: “non hai tempo que perder cando hai miles de galegos e de galegas contra as cordas pola crise da COVID19 no laboral, no sanitario e educativo”

Insta ao PP a apoiar a investigación parlamentaria das residencias, “sería o colmo do cinismo político que veten aquí o que piden en Madrid”, alega

O BNG parabenízase tras axilizar a creación da Comisión de reactivación económica e social que hoxe recibiu luz verde na Xunta de Portavoces, ao considerar que urxe poñerse a traballar de inmediato para dar solucións aos problemas derivados da crise da COVID que teñen contra as cordas a miles de familias.

“Ese era o noso obxectivo por unha razón moi clara: non hai tempo que perder cando temos a milleiros de galegos e galegas que quedaron sen emprego, que están en ERTE, que non saben se van poder manter levantada a persiana do seu negocio, miles de persoas preocupadas pola situación sanitaria, educativa e polo seu futuro”, salientou a viceportavoz parlamentaria Olalla Rodil.

“Hai que poñerse mans á obra canto antes para erguer este país porque queda moito traballo que facer e desde este Parlamento temos a obriga de traballar rápido e de traballar ben para dar solucións aos problemas, moi graves, que quitan o sono a miles de galegos e de galegas. Polo tanto, consideramos unha boa noticia poder comunicar que a comisión de reactivación económica e social vai poñerse en marcha de inmediato”, subliñou.

De cara ao primeiro pleno ordinario da XI Lexislatura, o BNG someterá a debate a creación dunha comisión de investigación das residencias da terceira idade durante a pandemia, despois de ter soportado case a metade dos falecementos polo virus. O obxectivo é analizar que pasou, detectar en que se fallou e corrixir os erros para non repetilos ante unha nova onda, e asegurar que o dereito das persoas a unha vellez digna.

Neste sentido, o Bloque pídelle ao PP que reconsidere a súa posición, pois sería “o colmo do cinismo político que vetase en Galiza a comisión de investigación parlamentaria que reclama en Madrid no Congreso”, indicou Rodil. “Se non hai nada que agochar debería apoiar a iniciativa do BNG a non ser  que non queira que se saiba a verdade, que foi o que pasou, que decisións se tomaron, quen as tomou; a non ser que non queira asumir responsabilidades políticas polo acontecido nas residencias de maiores durante a pandemia, nin enfrontarse á patronal das residencias”, alegou.

“Desde o BNG cremos firmemente, como tamén o veñen reclamando as familias, que esta comisión de investigación é necesaria e imprescindíbel para esclarecer  o sucedido e evitar que as residencias se convertan de novo nun dos principais focos de contaxio e de concentración de falecementos”, explicou, pois os datos apuntan a que podemos estar en breve nun escenario similar como se constata nos contaxios masivos en residencias como a do Incio ou Outeiro de Rei nas que faleceron xa 27 residentes desde agosto.

En relación a sesión plenaria, a portavoz nacional, Ana Pontón, utilizará a pregunta de control ao presidente da Xunta para testar a vontade real de diálogo e negociación de Núñez Feixóo para fraguar un gran acordo de país a favor de Galiza.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG