BNG logra o apoio unánime do Parlamento á lei que protexe ás vítimas de violencia vicaria con carácter retroactivo

Ana Pontón
Ana Pontón

Pontón: “Hoxe moitas mulleres senten que traballamos para protexelas e amparalas ante a forma máis cruenta e retorcida de violencia machista”

Valora as achegas políticas a un texto que amplía a violencia vicaria á exercida sobre calquera persoa estreitamente unida á muller que a sofre

BNG logra o apoio unánime do Parlamento á lei que protexe ás vítimas de violencia vicaria con carácter retroactivo

 

Santiago de Compostela, 13 de Xullo 2021.- “Hoxe é un deses momentos nos que demostramos que a política pode mellorar a vida das persoas, un deses momentos nos que escoitamos e actuamos para protexer a quen máis o precisa e, estou segura,  hoxe moitas mulleres senten que este Parlamento é o que debe ser sempre: a súa casa, un lugar no que atenden as súas demandas e no que se traballa para protexelas e amparalas ante unha situación pola que ninguén, ninguén debería pasar”.

Con estas palabras, a portavoz nacional, Ana Pontón, expresaba a súa satisfacción polo apoio unánime do Parlamento á lei que permitirá amparar ás mulleres vítimas de violencia vicaria que, grazas a un texto impulsado polo BNG, pasan a ser recoñecidas como vítimas de violencia machista e, por tanto, van ter acceso á protección, protocolos e a todas as axudas previstas na Lei 11/2007 para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

Pontón, que valorou as aportacións do PP e do PSOE destacou tamén que se trata “dun logro colectivo de todo o movemento feminista” plasmado nunha Lei da que destacou tres aspectos relevantes á hora de dar amparo ás vítimas. En primeiro lugar, ten carácter retroactivo,  “de tal xeito que todas, absolutamente todas as nais que no pasado sufriron a cara máis terrible, cruenta e retorcida do terrorismo machista queden amparadas polo estatuto de vítima de violencia de xénero”, destacou.

En segundo lugar, amplía os supostos de violencia vicaria máis aló da que se exerza sobre os fillos e fillas.

Así, é considerada violencia vicaria o homicidio, asasinato ou calquera outra forma de violencia exercida sobre os fillos ou fillas da muller, pero tamén, e aquí radica a ampliación dos supostos, sobre calquera outra persoa estreitamente unida á ela que se exerza coa finalidade de causarlle dano psicolóxico, por parte de que sexa ou de quen fora o seu cónxuxe ou por quen mantivera con ela relación análoga de afectividade aínda sen convivencia.

E, en terceiro lugar,  inclúe novas fórmulas para dar por probada este tipo de violencia machista, a través de sentenza condenatoria na orde penal ou de calquera orde xudicial, que estableza que a muller sufriu violencia vicaria en calquera das modalidades definidas na lei.

“Hoxe damos un paso máis na loita contra o machismo e na defensa do dereito das mulleres a ser libres e iguais, logrando que Galiza volva ser vangarda na loita contra a violencia machista e na defensa dos dereitos e da igualdade real das mulleres cunha lexislación máis avanzada que a do Estado”, salientou Pontón.

Pero, aínda que a lei supón un gran paso adiante, a portavoz do BNG considera que queda moito por facer e  debe poñerse o foco na prevención. E para iso reclamou máis recursos económicos e humanos que permitan detectar calquera síntoma de violencia vicaria antes de chegar a un desenlace fatal.

Síntomas que se apuntan nos informes, como cando os menores volven a casa da nai con prendas rotas despois das visitas co proxenitor, cando se interrompen tratamentos médicos durante no período de estancia co maltratador ou cando este fala mal da nai ou utiliza xs menores para que a insulten. “Por iso é importante reforzar os mecanismos para detectar estes casos e poder actuar salvargando a vida dos menores e das mulleres”, alegou.

Máis recursos económicos e persoais

E neste terreo hai moito onde avanzar, por exemplo, dotando de formación específica en violencia de xénero ao persoal dos xulgados, policía, dos servizos sociais, dos centros de información á muller, e sexan capaces de facer valoracións de riscos eficaces e reais.

Protocolos de actuación ante un caso de violencia vicaria que contemple cuestións tan básicas como a de comunicar os feitos á vítima, asistencia sanitaria ou asistencia psicolóxica. Protocolo tamén para os medios de comunicación, que facilite a cobertura preservando a intimidade das vítimas,  evitando o sensacionalismo, a sobreexposición e a presión mediática non buscada nin desexada.

41 casos de violencia vicaria

Desde 2013 en que empezaron a computarse os datos, houbo 41 casos de violencia vicaria, o 90,4% fillos e fillas asasinados polos seu país biolóxicos. Desde agora, as vítimas terán en Galiza recoñecida por lei a axuda económica, laboral, social, psicolóxica e estarán amparadas polo protocolo de actuación previsto para ás mulleres que sofren violencia machista.

“Modestamente, penso que con esta lei lles estamos dicindo que as escoitamos, que as entendemos e que damos pasos adiante importantes para protexelas e para avanzar cara unha sociedade mais igual e máis respectuosa cos dereitos e coa igualdade das mulleres”, concluíu.

 

BNG logra o apoio unánime do Parlamento á lei que protexe ás vítimas de violencia vicaria con carácter retroactivo