PARLAMENTO GALEGO

O BNG logra o apoio do Parlamento para conceder axudas aos pais e nais que teñan que coidar de menores pola COVID19

Olalla Rodil
Olalla Rodil
Olalla Rodil: “non se pode poñer aos proxenitores na encrucillada de elixir entre traballo e familia”
O BNG logra o apoio do Parlamento para conceder axudas aos pais e nais que teñan que coidar de menores pola COVID19

O BNG logrou o apoio da Cámara a favor de que os pais e nais podan ter acceso a axudas por parte do Goberno galego, en caso de que teñan que permanecer na casa para coidar a un fillo ou filla o a unha persoa dependente ao seu cargo.

A iniciativa foi defendida pola viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, e pretende facilitar a conciliación familiar e laboral que, se sempre supón un reto, no contexto COVID19 aínda é máis difícil, máxime cun inicio de curso escolar moi accidentado. Neste sentido, o BNG reclama ao Goberno galego medidas para garantir o dereito de conciliación diante dos novos gromos de coronavirus.

En concreto, a proposición non de lei formulaba propostas para dar ás familias unha solución ante unha necesidade urxente ou que podan xurdir no escenario cambiante da pandemia. Con dúas cuestións medidas específicas explicadas na Cámara: axudas económicas e a creación dunha bolsa de coidadores/as á que poder acceder se é preciso contar con axuda, por exemplo, durante unhas horas determinadas. Se ben esta segunda cuestión dun servizo público de canguros non superou o veto do PP.

 “As administracións deben garantir unha rede de servizos públicos fortes que garantan o dereito a conciliar”, salientou Rodil, “e promover a corresponsabilidade porque  a inmensa maioría de reducións de xornada ou excedencias para o coidado de crianzas ou persoas dependentes seguen a ser solicitadas por mulleres”.

O Bloque considera que ningún proxenitor se ten que ver ante o dilema de optar entre o seu emprego e o coidado dos seus fillos e fillas, máxime nun momento en que as familias está soportando unha caída dos seus ingresos e moitas economías domésticas están asfixiadas.

“Hai moitos país e nais que están na encrucillada de escoller entre coidar as súas fillas e fillos ou traballar, ou moitas familias que directamente non saben como van facer para atender as súas crianzas toda vez que non hai actividades extraescolares, -porque a Xunta aínda non aprobou nin sequera un protocolo que as regule fronte á COVID19, ou porque quedaron sen comedor ou sen servizo de madrugadores”, explicou Rodil.

Igualmente, a proposición non de lei tamén inclúe, -a través dunha transacción-, a proposta de dirixirse Executivo do Estado para a aprobación dun permiso retribuído a nivel estatal para as nais e pais cuxas crianzas se vexan obrigadas a gardar corentena.

O BNG logra o apoio do Parlamento para conceder axudas aos pais e nais que teñan que coidar de menores pola COVID19