O BNG logra un acordo unánime do Parlamento en defensa do Pobo Palestino contra a masacre de Israel

Palestina
Palestina

“Está sendo exterminado nun campo de concentración a ceo aberto”, denuncia Montse Prado. O acordo recoñece o dereito de autodeterminación de Palestina

O BNG logrou un acordo unánime do Parlamento galego en defensa do pobo palestino  polo que manifesta o seu apoio e solidariedade e esixe o cumprimento dos acordos internacionais.

En concreto, a proposición non lei aprobada con emendas do PP, “rexeita a decisión de Estados Unidos de recoñecer Xerusalén como capital de Israel ao tempo que tamén demanda unha rectificación por parte dos USA neste recoñecemento de capitalidade”. O texto tamén acorda “instar ao Goberno galego a dirixirse ao Estado español para que proceda a ter unha actuación contundente nas institucións internacionais nas que está presente, nomeadamente na Unión Europea e na ONU”.

O acordo conseguido polo Bloque inclúe igualmente “esixir o cumprimento dos acordos internacionais a das resolucións da Nacións Unidas para rematar coa actual situación garantindo o exercicio do dereito de autodeterminación do pobo palestino”.

A deputada Montse Prado impulsora desta iniciativa fixo unha crúa descrición da situación que vive o pobo palestino “acosado polo estado sionista de Israel” a base de asentamentos ilegais, expulsións e asasinatos da poboación, “por iso pedimos apoio para unha poboación que está sendo masacrada e exterminada nun campo de concentración a ceo aberto,  todo retransmitido polos medios de comunicación, e por iso pedimos que o parlamento galego manifeste o seu apoio ao pobo palestino”, argumentou.

Dentro desta continuada e sistemática persecución da poboación palestina por parte de Israel, Prado citou como último exemplo as vítimas computadas na chamada Marcha do Retorno que desde que arrancou o pasado 30 de marzo ten custado ducias de mortos e miles de feridos, tamén nenos, a causa dos ataques de Israel. A marcha prevé estenderse durante un mes e pretende mandar unha mensaxe ao mundo de que non renunciarán ao dereito de retorno ao seu territorio.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG