Parlamento Galego

O BNG logra o acordo do Parlamento para reactivar a atención presencial e elaborar un Plan de Continxencia sanitaria

Montserrat Prado
Montserrat Prado
A Cámara aproba a iniciativa defendida pola deputada Montserrat Prado ante a incidencia da COVID que tamén inclúe o reforzo da atención telefónica

 

O BNG acadou o acordo do Parlamento galego para que a Xunta presente de inmediato un Plan de Continxencia co obxectivo de garantir a asistencia sanitaria tanto na Atención Primaria como na hospitalaria nos vindeiros meses ante o previsible aumento da presión asistencial derivada da COVID19.

De igual xeito, a Cámara tamén consensuou a activación da atención presencial na Atención Primaria en resposta ás doenzas propias da actual situación de pandemia, mais tamén ao resto de patoloxías, co persoal e as medidas e protocolos preventivos que permitan rematar coas listas de espera e garantan unha atención sanitaria digna ao conxunto da cidadanía. O acordo parlamentario inclúe así mesmo o reforzo da atención telefónica coa mellora da rede e a dotación das e dos profesionais necesarios ante o incremento exponencial da demanda.

Na defensa da moción nacionalista, a deputada Montserrat Prado advertiu que a resposta fronte ao virus non pode estar baseada no “aumento das restricións de acceso á asistencia ao sistema público” e que esta situación pode levar “a un problema de saúde colectiva, de cronificación de patoloxías e de atención tardía”. “Son xa moitas as voces que está alertando sobre o grave aumento da mortalidade e a morbilidade pola supresión ou atraso de consultas, probas diagnósticas, intervencións cirúrxicas e tratamentos”, alertou.

Neste sentido, a Cámara tamén aprobou a iniciativa do Bloque no relativo á implantación de medidas para minimizar os riscos de contaxio do persoal sanitario facilitándolles equipos de protección axeitado a aquelas e aqueles profesionais que traballen en contacto directo con doentes afectados polo virus. Sen embargo, o PP vetou outras cuestións de urxencia incluídas na moción sobre as que a deputada nacionalista advertiu que o BNG non vai deixar de incidir.

 “Non imos cesar de demandar as cuestións ás que hoxe non van votar a favor como a necesidade de corrixir de inmediato o déficit de persoal coa contratación das e dos profesionais precisos para ter todos os servizos dimensionados con anticipación ou o sistema de rastrexo, que seguen negando a información sobre o seu funcionamento e dotación”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG