BNG logra o acordo do Parlamento para que as obras nas marxes do río Xares respecten a lexislación ambiental e patrimonial vixente

María Albert
María Albert
A iniciativa defendida por María Albert inclúe a imposición de sancións no caso de que a actuación en tres núcleos da Veiga non cumpra coa normativa legal

BNG acadou o acordo do Parlamento para instar á Xunta a adoptar as medidas pertinentes para que as obras de execución do proxecto de acondicionamento e mellora da conectividade das marxes do río Xares ao seu paso polos núcleos de Xares, Ponte e Baños no concello da Veiga se axusten á lexislación vixente en materia patrimonial e ambiental e, en caso de non ser así, impoñer as sancións pertinentes.

Na defensa da proposición non de lei nacionalista, a deputada María Albert advertiu que un proxecto que debía servir para reacondicionar e mellorar os pontóns e pontes tradicionais preexistentes converteuse na práctica “nun megaproxecto que substituía estes pasos por pontes de formigón que, no caso específico de Xares, multiplica por 10 o tamaño do paso inicial e afecta a directamente a varios elementos patrimoniais”.

Albert recalcou que, segundo se autorizou “sorprendentemente” no estudo de avaliación ambiental, decidiuse que o menos lesivo era substituír pequenos pontóns de madeira por grandes infraestruturas en formigón o que, segundo denunciou, trouxo como consecuencia catro obras “que afectan a distintos elementos patrimoniais, até un total de 10, incluíndo edificios relixiosos, núcleos de interese etnográfico, elementos arqueolóxicos, castros, mámoas e ata reitorais”. Logo de apuntar ao xacemento arqueolóxico da Eirexa como o máis afectado, lembrou que os núcleos afectados están incluídos dentro do catálogo da Rede Natura, “o que invitaría a ser o máis cautelosos e rigorosos posible nun proxecto desta envergadura e deste impacto”, afeou.

A deputada nacionalista recriminou que logo da renuncia da empresa adxudicataria á execución das obras pola imposibilidade técnica do proxecto e a conseguinte elaboración dun novo proxecto modificado, as obras continúen paradas a día de hoxe xa que, entre outras cousas, quedou deserto o concurso convocado para a asistencia técnica de control dos traballos.

Neste sentido, cuestionou a necesidade dunhas obras desta envergadura cando existían alternativas aproveitables e adaptadas ao terreo, así como un investimento de máis de 300.000 euros “nos que se valora o proxecto adaptado nunha obra innecesaria”. De igual xeito aludiu á relación custe/beneficios dunha ponte “a todas luces innecesaria” e cun custe para as arcas públicas que “en ningún caso se corresponde coa posible mellora que podía representar”.

Albert fixo tamén especial fincapé no custe patrimonial e ambiental: “hai que poñer un algo de sentido común”, reprochou, para a continuación concluír que “esta obra supón, supuxo xa, aínda nas circunstancias nas que se atopa, un dano ao noso patrimonio arqueolóxico e patrimonial inasumible”.
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG