O BNG levará os problemas medioambientais e de saneamento da ría de Foz ao Parlamento Europeo

Ana Miranda visita Foz
Ana Miranda visita Foz

A eurodeputada Ana Miranda critica a mala execución dos fondos europeos destinados a solucionar a contaminación da auga

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, comprométese a trasladar ao Parlamento Europeo os problemas medioambientais e de saneamento que sofre a ría de Foz desde hai varios anos, como outro exemplo dos incumprimentos da Directiva Marco da Auga. Así o manifestou no encontro que mantivo co vicepresidente da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, e o candidato do Bloque á Alcaldía, Francisco Xavier Fanego, así como con usuarios e usuarias das instalacións portuarias e representantes que desenvolven a súa actividade no porto e na ría.

“Para o Bloque a solución dos numerosos problemas de saneamento da auga que temos en Galiza é unha prioridade”, salientou Miranda, quen considera “inaceptable” o desleixo da Xunta e o goberno do Estado ao respecto, polo que defendeu asemade que este tema sexa trasladado tamén a Augas de Galiza e ao Parlamento Galego. “Percorrendo Galiza de norte a sur e de leste a oeste vemos que os vertidos e a contaminación son unha constante, e non porque non haxa fondos europeos para solucionalos, senón porque os fondos que hai non se executan”, denunciou a eurodeputada nacionalista.

Ana Miranda visita Foz 2Neste sentido, Francisco Xavier Fanego sinala que desde hai varios anos o porto e a ría de Foz sofren graves problemas medioambientais e de saneamento “sen que até agora se puxera en marcha ningunha solución”. Mentres a vila está a espera do traslado da EDAR a unha nova ubicación, a persistencia de problemas de calado e dragados pouco efectivos fan que a contaminación non sexa só unha preocupación dos sectores económicos e produtivos que desenvolven a súa actividade na ría e no porto, “senón de toda a poboación”.

Peche da ría ao marisqueo

“É especialmente alarmante o feito de que a ría leve un ano pechada para o marisqueo debido a presencia de fecais nas augas, o que impide traballar a mariscadoras e mariscadores de Foz e Barreiros”, denuncia Fanego, quen defende que é “primordial escoitar a todos os sectores cando existen problemas e comprometerse con solucións factibles e aplicables, fuxindo da demagoxia e respostas evasivas, que foi a actitude que veu mantendo a alcaldía de Foz nos últimos anos con este e outros problemas”.

Ao respecto, o candidato do Bloque á Alcaldía puxo en valor que no encontro con Ana Miranda participaran colectivos e asociacións coma A Ribeira, de pesca deportiva; representantes da Confraría de Pescadores de Foz, e de mariscadoras e mariscadores de Foz; o Club Náutico e o Club Kaiak Maresma, entre outros. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG