O BNG levará ao Parlamento a urxencia de ampliar o IFEVI de Vigo

Visita IFEVI
Visita IFEVI
Responsabiliza a Feixóo da situación de Barreras polo “fiasco de PEMEX” e propón a intervención pública do estaleiro. Insiste nunha mesa galega de transición enerxética que aporte unha saída de futuro á central das Pontes

A portavoz nacional, Ana Pontón, anuncio na súa visita a CONXEMAR que o BNG vai levar ao Parlamento unha proposta a favor da ampliación do espazo do IFEVI, como reclaman os organizadores da que  é a feira de referencia do sector do conxelado de produtos do mar en toda Europa.

Neste sentido, Pontón instou á Xunta e ao Concello a deixar dun lado a súa habitual estratexia de confrontación para actuar como administracións responsables ante un sector que factura 8.000 M€ ao ano e xera 15.000 postos de traballo. “Teñen que estar á altura deste certame e non pode ser que cada ano CONXEMAR se inaugure coa mesma reivindicación de ter máis espazo porque o actual se queda pequeno para a demanda”, indicou a líder nacionalista.

“As administracións responsables non esperan a que aparezan os problemas senón que se anticipan, así que Xunta e Concello deben deixar as súas leas e poñerse a traballar para que a ampliación do IFEVI sexa unha realidade. Imos levar unha iniciativa ao Parlamento reclamando esa ampliación inmediata para que CONXEMAR siga medrando e para que a actividade feiral en Vigo siga medrando, máxime agora que está a competencia de Barcelona no horizonte”, avanzou Pontón.

“Está moi ben vir facerse a foto e cortar a cinta en cada inauguración da feira, pero despois o que fai falta son administracións responsables e eficaces que atendan esta xusta e lóxica reivindicación”, alegou.

Antes de facer a visita guiada pola feira, Pontón valorou ante os medios de comunicación a situación industrial do país, que ten no estaleiro Barreras e na central de ENDESA nas Pontes dous exemplos da crise deste sector, no que están en xogo miles de postos de traballo.

“A Xunta non pode estar de mera espectadora ante a situación límite que atravesa Barreras, un estaleiro emblemático en Vigo con mil empregos en xogo. O goberno galego ten que actuar porque, ademais, o que pasa en Barreras é responsabilidade directa de Feixóo e dese fiasco que representa a operación PEMEX”, denunciou.

Pontón lembrou que o que queda das “promesas” de 2013, pois o resultado é “que se vendeu o estaleiro a prezo de saldo, que se descapitalizou e que agora está nunha situación límite”. O BNG considera que esta empresa non pode quedar en mans dun fondo especulativo, -outra máis, e por iso, propón “que a Xunta se faga cargo cunha intervención pública que garanta a produción de  Barreras e que oriente a situación do estaleiro”, subliñou.

No caso da central de ENDESA no concello das Pontes, a dirixente nacionalista confesou que a preocupación do Bloque é aínda maior despois da falida reunión mantida onte no Ministerio de Transición Enerxética, “porque deixou claro que o ministerio non ten un plan de futuro para a planta galega pero que a Xunta tampouco o ten”.

Desde o Bloque “solicitamos que se constitúa unha mesa para abordar unha transición enerxética xusta en Galiza que permita darlle futuro As Pontes” porque, -indicou-, hai que abordar a descarbonización “pero iso non pode ser a escusa para que unha multinacional que explotou os recursos naturais do país diga agora que vai desmantelar a produción e deixar o concello das Pontes e á comarca de Ferrolterra tiradas”.

Por contra, o BNG reivindica que Galiza poda deseñar un plan de futuro para a planta “con perspectiva de país”,  para iso propón a constitución dunha mesa que inclúa á empresa os e as traballadoras, Xunta, ministerio e forzas parlamentarias. “Deixar na estacada ao persoal, o concello e á comarca non é unha opción”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG