O BNG levará ao Parlamento a agrupación de alumnado de distinto ciclo en Portomarín

Olalla en Portomarín
Olalla en Portomarín

Olalla Rodil levará esta iniciativa despois de reunirse con nais e pais do CEIP Virxe da Luz de Portomarín

A Xunta de Galiza ignora, cun decreto unilateral, o acordo do 2009 en relación aos agrupamentos de alumnado e en Portomarín suprimiuse un docente abocando ao centro a un agrupamento irregular

Olalla Rodil anunciou, en Portomarín, a presentación de iniciativas no Parlamento Galego para solicitar que a Xunta de Galiza fixe como criterio, para o agrupamento de alumnado nunha mesma aula, que só poida desenvolverse entre alumnado que pertenza ao mesmo ciclo formativo, agás no suposto excepcional das escolas unitarias.

Desde o ano 2009 a Xunta de Galiza decidiu que en centros con pouco alumnado matriculado, especialmente no rural, poderían agruparse estudantes de distinto ciclo na mesma aula. Inicialmente, o Goberno Galego acordou con algunhas organizacións sindicais que este tipo de agrupamentos só se poderían levar a cabo cando o número de estudantes se situase por baixo de 12 en Primaria. En 2012, a Consellaría decidiu rachar con estas condicións a través dun Decreto unilateral.

No caso de Portomarín, malia contar cunha alumna máis matriculada en relación ao curso anterior, a Xunta de Galiza suprimiu un docente no centro e impuxo o agrupamento fóra do mesmo ciclo o que provocou importantes denuncias entre as familias do Concello de Portomarín.

Rodil levará, á cámara galega, esta iniciativa despois de reunirse con nais e pais do CEIP Virxe da Luz de Portomarín. A deputada do BNG explicou que “no curso 2018/2019 o CEIP Virxe da Luz de Portomarín foi un dos centros que se viron obrigados a agrupar o alumnado de distinto ciclo na mesma aula, o estudantado de 1º, 2º e 3º de Primaria nunha aula e o de 4º, 5º e 6º noutra”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG