O BNG leva ao próximo pleno a demanda dun servizo completo de pediatría para os nenos e nenas de Zas

Encontro Zas
Encontro Zas

Os menores teñen que desprazarse a Vimianzo ou a Camariñas, despois de que o servizo sufrise un recorte pasando de 35 a 15 horas semanais

O BNG levará ao próximo pleno do Parlamento a demanda dos pais e nais do Concello de Zas que reclaman recuperar o servizo íntegro de pediatría que, desde xuño de 2018, soporta un recorte superior ao 50% pasando de 35 horas a 15 horas semanais. Este recortazo fai que moitos menores teñan que desprazarse até os concellos de Vimianzo e Camariñas cando necesitan atención pediátrica fora das horas establecidas polo SERGAS.

Con esta pregunta ao Goberno na vindeira sesión plenaria, o Bloque traslada á Cámara a reivindicación expresada pola Plataforma Zas sen recortes no encontro coa portavoz nacional, Ana Pontón, e coa portavoz de Sanidade, Montse Prado, reunión no que tamén estivo presente o alcalde Manuel Muíño.

A formación nacionalista considera que non pode haber nenos e nenas de primeira e de segunda, e que o concello de Zas debe ter un servizo de pediatría completo e non recortado de 15 horas. “No BNG temos claro que non se pode permitir esta discriminación da Xunta no acceso ao servizo de pediatría simplemente por vivir no rural”, salientaba a portavoz nacionalista tras aquel encontro.

Ademais do recorte nos dereitos dos menores, ter que esperar até as 12.00 para ir ao médico provoca problemas mesmo de conciliación aos proxenitores e supón unha discriminación para os veciños e veciñas de Zas.

As consecuencias desta situación son a complicación tanto para a conciliación laboral e familiar como económicas, posto que agora non coincide o horario de consultas co horario do autobús escolar, que aproveitaban os avós e avoas para acompañar aos nenos e nenas á consulta e agora teñen que facelo en taxi.

O BNG asume a petición dos país e nais, secundada polo goberno local que lidera Muíños, e así o defenderá no próximo pleno.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG