PARLAMENTO GALEGO

BNG leva ao Pleno do Parlamento a atención sanitaria de patoloxías diferentes á COVID

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Rodil afirma que a pandemia deixa sen protección ás persoas afectadas por outras enfermidades e propón  un Plan de choque fronte ao cancro

BNG leva ao Pleno do Parlamento a atención sanitaria de patoloxías diferentes á COVID

A viceportavoz do BNG, Olalla Rodil critica que o PP impida novamente a comparecencia de Feixóo na vindeira sesión plenaria para explicar o inicio da desescalada  e da segunda fase da vacinación  e que no  seu lugar compareza o conselleiro de sanidade.

Por outra parte, avanzou que o BNG  levará entre as iniciativas a debater no pleno, unha proposición non de lei para  reforzar da sanidade pública co fin de  atender debidamente as doenzas non-Covid19 e especialmente, a elaboración “dun Plan de choque fronte ao cancro”.

Rodil explicou, tras a Xunta de portavoces, que o persoal sanitario e investigador vén advertindo das enormes consecuencias que está a ter a pandemia, especialmente para pacientes de cancro con  “diagnoses que se demoran, consultas e probas que se adían, operacións que se aprazan e un enorme impacto emocional que non pode ser obviado”. Esta situación dixo, merece  todo o esforzo público para evitar que se prolongue porque as declaracións intitucionais non chegan, “fan falta medidas e sobre todo recursos”, sentenciou.

No Pleno, engadiu Rodil, a  portavoz nacional do BNG, Ana Pontón preguntará a Feixóo  se cre que está a defender os intereses das galegas e galegos nesta pandemia? e defenderemos unha proposición non de lei sobre os fondos europeos. “Esta fin de semana vimos ao Partido Popular moi nervioso porque o BNG presentou, como saben, o documento Xerar Futuro. Galiza NEXT.” E tamén comprobamos no Pleno anterior como “Feixóo estaba desencaixado ante a pregunta de Ana Pontón sobre os Next Generation”. Quedou en evidencia,  que “o PP non ten unha proposta seria e solvente para este país” afirmou.

Fronte a unha Xunta de Galiza convertida en “comercial das grandes empresas do IBEX”, o BNG poñemos por diante os intereses de Galiza, das maiorías sociais e  tendemos a man ás demais forzas da Cámara para tecer unha estratexia de país que impida que Galiza saia discriminada no reparto dos fondos europeos comezando por xestionar de maneira directa eses recursos extraordinarios.

 Tamén  interpelaremos ao goberno sobre a situación laboral das mulleres. Nos últimos datos publicados pola EPA ,o 75% do emprego destruído en Galiza no último ano estaba ocupado por mulleres. Isto débese a que a actual crise ten un impacto enorme en sectores amplamente feminizados  como os coidados, servizos, comercio, alimentación…, sectores onde as mulleres son  traballadoras e tamén empregadoras. “Urxe abordar con perspectiva de xénero esta situación”, concluíu.
BNG leva ao Pleno do Parlamento a atención sanitaria de patoloxías diferentes á COVID