BNG leva ao Parlamento as reivindicacións das traballadoras da limpeza e exixe á Xunta que defenda os seus dereitos

Olalla Rodil
Olalla Rodil
Olalla Rodil  lémbralle á Xunta que inviste en empresas de  limpeza 76 millóns de euros

A través dunha pregunta ao goberno, a deputada do BNG, Olalla Rodil pediu á Xunta que defenda os dereitos das traballadoras da limpeza e salienta  que o goberno galego  inviste en contratas 76 millóns de euros.

Cunha fregona amarela na man, a nacionalista explicoulle á conselleira de Emprego que esa era a ferramenta de “8.000 traballadoras da limpeza” na provincia da Coruña e a fregona amarela simboliza a mobilización para defender dereitos laborais e salariais dun sector profesional esencial en calquera momento pero moito máis durante a pandemia.

Na súa intervención, Rodil trasladou o apoio do BNG ao conxunto de traballadoras que permanecen en folga e que tomaron as rúas para reivindicar un convenio “digno”. Un sector, dixo, “feminizado” que reclama o recoñecemento social do seu traballo.

Esta folga é moito máis que un conflito polo convenio colectivo do sector na Coruña. É unha resposta, afirmou a nacionalista a “todas as voces que consideran o salario de moitas mulleres como un complemento doméstico”,  sen valorar  o que  gañen. Pero tamén, engadiu, responde a todas esas voces e persoas que pensan “ como se van poñer en folga estas”!

Haberá quen pense  que esta folga e o convenio colectivo non vai coa Xunta, que son traballadoras da empresa privada, de grandes grupos como ACS, EULEN, ACCIONA ou FERROVIAL pero son mulleres que limpan “o seu despacho e o meu”, os hospitais, as universidades, os edificios da administración, os centros de ensino, os centros de saúde e San Caetano.

A Xunta é un dos principais clientes destas multinacionais con contratos millonarios coa Administración pública, pero teñen as súas traballadoras na precariedade de xornadas parciais e baixos salarios que no mellor dos casos superan un pouco o salario mínimo interprofesional.

Por iso o que lle pedimos hoxe desde o BNG é que o Goberno galego e especialmente a súa consellería de Emprego e Igualdade, asuman “un papel activo” como se fosen vostedes mesmas as que estivesen sentadas na mesa de negociación.

A deputada apelou á  “responsabilidade” como Goberno  coas traballadoras, a administración como “contratadora de servizos” ao que sumou a  obriga de dar exemplo en materia de igualdade.

“O sector da limpeza non perdeu un euro nesta crise. Moi ao contrario. As empresas non fixeron máis que engordar os seus beneficios. É hora de que sexan elas, as traballadoras, as que limpan, as que comecen a gañar dereitos”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG