O BNG leva ao parlamento o "posíbel incremento" no recibo da luz por mor do canon eólico

  • Noa Presas pregunta ao goberno se aceptará que os galegos e galegas paguemos máis na factura da luz polo posible incremento do canon eólico ou plantará cara a Madrid
  • A deputada do BNG formulou unha pregunta ante o anuncio do Goberno central de cargar no recibo da luz o canon que a Xunta  cobra ás eólicas e que pode supor un incremento de 13  euros de media  ao ano

Ante o anuncio do  goberno central de  cargar no recibo da luz o canon que a Xunta cobra ás eólicas, a deputada do BNG, Noa Presas formulou unha pregunta parlamentaria na comisión de industria sobre as previsións da Xunta a este respecto.

Na súa intervención, a nacionalista lembrou que o BNG foi crítico  co estabelecemento do canon eólico porque   “é un tributo que penaliza a enerxía eólica”   ademais  de supor  na súa implantación un  paradoxo por coincidir coas axudas á produción en forma de primas ou tarifas reguladas.Neste sentido, recalcou que  “Incentivar” e “desincentivar, primando e gravando” resulta  un disparate. Presas  engadiu, este modelo supuxo a renuncia da Xunta á participación pública do Goberno Galego nos proxectos eólicos e  impulsou un canon que será  pagado polas persoas consumidoras.

En opinión da parlamentaria, a operación do Partido popular tombando toda a política eólica do goberno bipartito, consolidou   “inseguridade xurídica” ao que sumou un  canon como  “ xustificación” ante  a sociedade  por mor da  perda de participación pública.  

O canon que a Xunta cobra á eólica, explicou a nacionalista, recadará   no ano  2017,  22,9 millóns de euros e segundo as cifras que manexa a CNMC sobre  clientes do servizo eléctrico  en Galiza, ao redor de 1,7 millóns, supón que a “cada un dos consumidores galegos tocaríalle abonar case 13 euros anuais de media”.

Ademais do canon eólico tamén existen, o canon hidráulico e a ecotaxa, que pagan as empresas eléctricas á Xunta, e que, teoricamente, tamén poderían sumarse a ese hipotético suplemento territorial a pagar polos galegos/as.

“Nun momento de grande  preocupación  polo prezo da electricidade, nun momento de incerteza sobre a existencia de abusos nesta tarifa”, é hora de que a Xunta fale claro: Qué vai facer diante desta sobrecarga, calar ante Madrid ou non?, volveu preguntar a nacionalista.

Para a parlamentaria o incremento do recibo da luz polo canon eólico representa una  “discriminación” ás persoas consumidoras galegas que soportan non obter  ningún beneficio por vivir nun territorio excedentario na produción eléctrica e mesmo son  penalizados por ese feito.

Noa Presas reiterou, “dende o BNG cremos que debe existir un prezo da electricidade asociado á situación de territorio excedentario ou deficitario, e no caso de ser  excedentario, como acontece en Galiza, debe repercutir positivamente na nosa  e asumir  algún beneficio en compensación das externalidades negativas producidas polo  sector eléctrico”.

Pola súa parte, o director xeral de Industria, Bernardo Tahoces criticou os cálculos da deputada sobre o incremento derivado do canon eólico e afirmou que o suplemento territorial calculase en función da facturación das peaxes polo que os  galegos non  pagarán ningún suplemento  ao que a parlamentaria preguntou quen pagará entón ese recargo aplicado xa  noutras comunidades?. Noa Presas recalcou que os anuncios públicos do goberno central solicitando datos de Galiza sobre o canon eólico seguen creando “grande preocupación” entre as persoas usuarias do subministro eléctrico, a pesar, dixo,  das manifestacións da consellería de Industria.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG