Parlamento Galego

O BNG leva ao Parlamento o golpe de Estado en Bolivia contra o presidente electo Evo Morales

MAS (Bolivia)
MAS (Bolivia)

Tras as eleccións presidenciais que tiveron lugar o pasado 20 de outubro de 2019 no Estado Plurinacional de Bolivia, na que unha ampla maioría apoiou a candidatura de Evo Morales á presidencia, sectores radicalizados da dereita económica e política, co apoio de forzas paramilitares e policiais, rexeitaron o resultado das urnas e desataron unha violenta campaña de ataques a medios de comunicación públicos, asalto e queima de vivendas de cargos públicos e líderes sociais, ataques e vexacións públicas machistas contra mulleres, e persecución revanchista e racista contra as comunidades aimaras, quechuas, chiquitanas e guaranís que apoian os movementos sociais, sindicais e políticos partidarios de presidente Evo Morales e do Movemento ao Socialismo (MAS).

Fronte á chantaxe e a violencia dos grupos opositores, a actitude do goberno constitucional foi en todo momento a da chamada á calma e ao diálogo. Con esta finalidade, o presidente Evo Morales aceptou unha auditoría da OEA sobre as eleccións do 20 de outubro e a convocatoria dunhas novas eleccións presidenciais. Malia estes intentos de reconducir a situación pola vía pacífica, os sectores golpistas acentuaron os ataques violentos coa toma dos medios de comunicación públicos e o secuestro e ameaza de morte de dirixentes gobernamentais e das súas familias.

Finalmente, o pasado 10 de novembro a policía e o exército sumáronse ao golpe e forzaron a renuncia do presidente Evo Morales e do seu goberno, nun clima de extorsión, secuestros, linchamento público e grave ameaza para as súas vidas, as das súas familias e as de miles de persoas que apoiaban o goberno constitucional e democrático.

A seguir produciuse a proclamación fraudulenta da dirixente opositora Jeanine Añez como presidenta de facto do país, e desatouse unha violenta onda represiva, de tintes ultrarreaccionarios, ultracatólicos e racistas, contra os pobos orixinarios e contra os dirixentes e simpatizantes do MAS, cun uso desproporcionado da forza militar, paramilitar e policial que xa provocou centos de feridos e 24 mortes violentas desde o 20 de outubro.

Un dos episodios máis brutais da represión produciuse o pasado 15 de novembro no departamento de Cochabamba, co ataque militar e policial contra unha marcha antigolpista na que nove persoas resultaron mortas como consecuencia de disparos na cabeza e no tórax e 120 feridas. Asemade, hai centos de persoas detidas e desaparecidas.

Tanto a Defensoría do Pobo de Bolivia como a Comisión Interamericana de Dereitos Humanos (CIDH) denunciaron a brutal represión militar e policial, a actuación violenta de grupos paramilitares e a grave vulneración dos dereitos humanos e das liberdades.

O último feito desta escalada violenta e represiva foi a aprobación, o pasado 16 de novembro do Decreto 4078 que outorga inmunidade e exime de responsabilidade penal aos militares que participen “nos operativos para o restablecemento da orde e da estabilidade pública”.

O golpe de Estado en Bolivia hai que enmarcalo nunha campaña de desestabilización promovida e patrocinada polos Estados Unidos en conivencia cos seus aliados locais para derrocar gobernos lexítimos en América Latina, co obxecto de substituílos de maneira antidemocrática por gobernos títere ao servizo dos intereses norteamericanos.

O obxectivo final do golpe de Estado en Bolivia é mudar de maneira violenta a correlación de forzas no país a favor da oligarquía económica, impoñer un réxime integrista, racista e ultraliberal, desmantelar os avances sociais, económicos e políticos acadados nos últimos 14 anos en Bolivia, debilitar as organizacións interestatais como a ALBA e a CELAC que pulan polo exercicio da soberanía nacional e polo desenvolvemento autocentrado e libre de tutelas, e poñer as grandes reservas enerxéticas e mineiras do país, especialmente as reservas de litio, ao servizo de grandes corporacións internacionais.

Diante desta grave violación da democracia e da soberanía nacional, resulta chamativa a morneza e o silencio cómplice da Unión Europea e do Estado español, actitude que contrasta coa belixerancia e o intervencionismo con que actuaron noutras crises como a de Venezuela.

Polo anteriormente exposto, o grupo parlamentar do BNG presenta a seguinte proposta de resolución para o debate en pleno. O parlamento galego acorda como resolución: condenar o golpe de Estado contra o goberno lexítimo de Bolivia presidido por Evo Morales, perpetrado pola dereita económica e política co apoio dos Estados Unidos; condenar a brutal represión desatada polo goberno golpista e polas forzas militares, paramilitares e policiais contra o pobo boliviano, unha represión que ten fortes tintes clasistas e racistas e que xa provocou a morte de ducias de persoas, demandar do goberno español e da UE que tomen unha posición activa de condena do golpe militar e que non recoñezan o ilexítimo goberno presidido por Jeanine Añez.

Igualmente, apoiar as apelacións a unha solución pacífica e democrática para Bolivia, garantindo a soberanía do país e o respecto aos dereitos humanos e facer un chamamento á sociedade galega para que manifeste a condena do golpe militar e repulsa pola grave violación dos dereitos humanos que se está a producir en Bolivia.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG