O BNG leva ao parlamento galego a sanción de 1.500 euros a cinco militantes de Galiza Nova

Moz@s Galiza Nova
[email protected] Galiza Nova

Os cinco mozos e mozas foron identificadas polas Garda Civil após a realización un mural en defensa das persoas LGBTI

O deputado Luís Bará pide arquivar a sanción e derrogar a Lei Mordaza

O BNG leva ao parlamento galego a sanción de 1.500 euros a cinco militantes de Galiza Nova

O deputado do BNG, Luís Bará rexistra unha proposición non de lei no Parlamento galego para  denunciar o emprego represivo da Lei Mordaza por parte da Subdelegación do Goberno contra cinco militantes de Galiza Nova por un mural coa lenda “Por unha Galiza diversa” coas  cores en defensa dos dereitos das persoas LGBT, (lesbianas, gais, bisexuais e transexuais).

O parlamentario do BNG reclama a derrogación da Lei Mordaza e o arquivo do procedemento sancionador sobre uns feitos acontecidos o pasado 27 de outubro do ano 2018 contra  cinco mozos e mozas  identificados pola Garda Civil e cuxa denuncia    foi posteriormente cursada pola Subdelegación do Goberno de Pontevedra incoando un expediente sancionador por “Danos ou deslucimento de ben de uso ou servizo público” con sanción de 300 euros.

Para o deputado do BNG, estamos ante “un uso claramente desproporcionado e represivo dunha lei aprobada polo Partido Popular e aplicada polo PSOE, que cando estaba na oposición defendía a súa derrogación e agora aplícaa para reprimir a liberdade de expresión e a loita en defensa dunha Galiza diversa”.

Bará manifesta que os cinco militantes de Galiza Nova simbolizan “unha mocidade comprometida, xenerosa e altruísta”, que debe ser obxecto de recoñecemento e non de represión. Na súa opinión, os mozos e mozas denunciados fixeron un exercicio que engrandece o valioso patrimonio colectivo na defensa dunha sociedade igualitaria e diversa e en ningún momento, tal  expresión danou en maneira algunha bens públicos.

 Bará afirma  que o uso represivo da Lei, neste e noutros moitos casos, responde ao   proceso de involución democrática e  regresión en materia de  dereitos e liberdades. “O mesmo  Estado que persegue a demócratas e  persoas defensoras de dereitos humanos fundamentais como os da causa LGBT, é permisivo con actitudes e declaración machistas, homófobas e fascistas”.

O BNG leva ao parlamento galego a sanción de 1.500 euros a cinco militantes de Galiza Nova