parlamento galego

BNG leva ao Parlamento galego rebaixar o IVE da luz do 21% ao 4%

Olalla Rodil
Olalla Rodil
Olalla Rodil afirma "a luz é un ben esencial, non pode gravarse coma un luxo"

Tras a Xunta de portavoces, a  viceportavoz do BNG, Olalla Rodil avanzou as iniciativas do BNG para o  vindeiro pleno entre as que destacou, “reducir o IVE da luz do 21% ao 4%” e iniciar  medidas para frear o “espolio eólico” co fin de beneficiar ás grandes empresas do sector de eléctrico.

Rodil explicou que a proposición non de lei nacionalista busca reclamar do goberno do estado “a redución do IVE na factura da luz” porque pagamos tanto deste imposto na luz  como por un  Jaguar ou un paquete de tabaco. “A luz está  gravada como un elemento de  luxo e  paga igual unha persoa que gaña 5.000 euros ao mes como a que cobra a RISGA ou outra que vive dunha prensión non contributiva, agraria ou por desemprego”.

A luz é un ben básico e esencial, non un luxo

A nacionalista considerou que “baixar o IVE ao 4%” significa considerar a electricidade como un ben esencial e permite pagar a factura a un gran número de familias traballadoras, pequenas e medianas empresas, nun momento de crise económica pola pandemia.

Rodil lembrou que as novas tarifas horarias obrigarán a moitas persoas a consumir a enerxía de noite pero resulta que de noite, ironizou a deputada,  hai que durmir e descansar e non poñer “lavadoras, fornos ou prender a luz”. Mentres os traballadores e traballadoras están pasando por un momento de afogo económico, “as eléctricas non perden un só euro”, ao contrario, levan meses declarando “beneficios estratosféricos”. Dende o BNG, dixo, parécenos “indecente” seguir facendo caixa cun ben básico e esencial  para vivir e traballar. A enerxía é un dereito e “non un luxo”, reiterou.

A metade dos fogares galegos “sóbralles mes e fáltalles salario”

Estamos nun contexto no que a metade dos fogares de Galiza non chega a fin de mes con soltura, “ a metade deste país sóbralles mes e fáltalles salario”.

Por outra parte, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón preguntará a Feixóo polas medidas do goberno galego contra o “espolio enerxético”. A Xunta, indicou Rodil, está a entregar Galiza ao oligopolio eléctrico en contra do medio e das persoas como acontece co “boom” de parques eólicos sen control e sen orde e só para continuar “cebando os beneficios das grandes empresas eléctricas como Naturgy, Greenalia, Iberdrola ou ENEL”.

Galiza non é un pedazo de terra ao servizo desas empresas e incluso implantando todos os parques previstos “non van reducir nin un só euro a factura que pagamos os galegos e galegas pola luz”.

Para protexer o medio e a biodiversidade, dende o BNG queremos impulsar unha moción para: no prazo máximo de tres meses  se inicie a ampliación da Rede Natura 2000 para protexer o 20% do territorio, crear un Fondo de Conservación da Natureza dirixido a financiar actuacións de preservación da biodiversidade, xestión de áreas naturais protexidas; plans de dinamización económica de áreas protexidas e de paisaxes agroforestais multifuncionais e aprobar en 2022, a Estratexia Galega de Infraestrutura Verde que favoreza a conectividade ecolóxica, porque a emerxencia climática tamén se combate ordenando o territorio.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG