BNG leva ao Parlamento galego o proxecto do vertedoiro de residuos industriais na canteira de Santa Cristina de Fecha

Visita canteira Fecha
Visita canteira Fecha
Luís Bará pide á Xunta que o desbote e alerta sobre a creación dun anel de vertedoiros na contorna de Santiago aproveitando canteiras abandonadas
BNG leva ao Parlamento galego o proxecto do vertedoiro de residuos industriais na canteira de Santa Cristina de Fecha

BNG vén de rexistrar unha batería de iniciativas no Parlamento galego para reclamar á Xunta que desbote a creación dun vertedoiro de residuos industriais nas antigas canteiras da Barquiña, parroquia de Santa Cristina de Fecha, en Santiago, ou calquera outro proxecto que, “camuflado como operación de restauración ambiental”, agoche a intención de utilizar este espazo como lugar de vertido de residuos de procedencia industrial.

De igual xeito, o grupo parlamentario do Bloque insta ao Goberno galego a elaborar un estudo sobre o patrimonio cultural e natural da contorna do espazo das antigas canteiras da Barquiña, con especial atención ás pozas artificiais naturalizadas, con vistas á súa inclusión no Inventario e Rexistro de humidais de Galiza, así como a desenvolver as modificacións lexislativas necesarias para evitar que antigas explotacións mineiras de zonas rurais se convertan en vertedoiros de residuos industriais.

Neste sentido, o portavoz nacionalista de Medio Ambiente na Cámara, Luís Bará, advirte que toda a contorna de Santiago, e especialmente a zona norte do concello, “está no punto de mira de empresas de xestión de residuos que pretenden levar a cabo auténticos pelotazos coa reconversión de antigas canteiras abandonadas en centros de xestión de residuos”, principalmente para materiais de construción e demolición e para residuos orgánicos de orixe industrial, urbana e agrogandeira. “Estes proxectos, como ocorre tamén no previsto para Casalonga, en Teo, camuflan o depósito e vertido destes residuos como plans de restauración ambiental de espazos degradados”, alerta.

Bará -que xunto á tamén deputada Iria Carreira, a portavoz municipal en Compostela, Goretti Sanmartín, e a concelleira Navia Castro, realizou unha visita á zona na que a representación do BNG recibiu a preocupación da veciñanza da man de integrantes da asociación veciñal A Pedra que Fala- lembra a “desastrosa experiencia” da antiga canteira de Miramontes, reconvertida nun vertedoiro de residuos industriais, coas coñecidas consecuencias negativas sobre a calidade de vida da cidadanía.

“De levarse a cabo un proxecto semellante nas antigas canteiras de Santa Cristina de Fecha -recalca-, as consecuencias poden ser irreversíbeis, co risco de contaminación das augas do río Tambre, de acuíferos que se utilizan para o abastecemento da poboación, a destrución de hábitats de interese como as pozas artificiais naturalizadas, a contaminación do ar ou o ruído e inseguridade que se derivan do tránsito de camións de grande tonelaxe”.

O deputado nacionalista recorda tamén que o Goberno galego, con competencias en medio ambiente e xestión de residuos, ordenación do territorio e medio rural, “debe velar pola preservación das zonas rurais e naturais, poñéndoas a salvo de proxectos especulativos e que priman o máximo beneficio económico sobre os intereses da veciñanza”. Por último, subliña que o Plan de Residuos Industriais de Galiza (PRIGA) potencia a recuperación e reciclaxe dos residuos de construción e demolición como alternativa de economía circular fronte á solución ineficiente e antiecolóxica do seu depósito en vertedoiros e, en relación a residuos industriais como lodos de depuradora, de conserveiras ou similares, recomenda a súa xestión e tratamento en parques empresariais.
 

BNG leva ao Parlamento galego o proxecto do vertedoiro de residuos industriais na canteira de Santa Cristina de Fecha