O BNG leva ao Parlamento as demandas laborais d@s investigador@s dos Institutos de investigación biomédica de Galiza

Montse Prado
Montse Prado
Montse Prado reclama desbloquear a negociación do convenio colectivo das Fundacións Biomédicas e abrir unha negociación consonte á realidade galega e para todas as categorías
O BNG leva ao Parlamento unha iniciativa na que demanda un convenio colectivo “digno” para @s investigadores/as  dos Institutos de investigación biomédica de Galiza.

A parlamentaria do BNG, Montse Prado argumenta na proposición non de lei  que  son estruturas organizativas de promoción e desenvolvemento da investigación nos hospitais, como espazos multidisciplinares e co  obxectivo de promover a investigación e  innovación, para garantir  a aplicación efectiva dos resultados en beneficio das/os cidadáns, a través da aplicación  clínica, aportando importantes beneficios na saúde das persoas.

Os presidentes e presidentas dos comités de empresa da Fundación Biomédica Galicia Sur,  Fundación Prof. Novoa Santos e  Fundación IDIS trasladaron aos Grupos Parlamentares a situación laboral do  persoal e demandaron o seu apoio,  co fin de apelar á  consellaría de Sanidade a aceptar  un convenio colectivo digno.

O  convenio afecta a máis de 500 traballadores/as que a día de hoxe non contan cunha norma propia que regule as súas condicións laborais e  obrigas profesionais. Esta situación, explica Prado, impide un correcto desenvolvemento da carreira investigadora en Galiza, non dignifica as condicións laborais e pon en perigo a captación do talento  pola falta de interese da consellaría de Sanidade.

Os representantes do persoal das fundacións denuncian ademais que,  mentres a consellaría se gaba do alto valor da investigación científica en Galiza e dos beneficios que isto reporta para os avances da medicina e a súa aplicación clínica para a saúde da poboación, ao tempo  condena @s profesionais a  condicións de inestabilidade e precariedade laboral.

A deputada reclamará na Cámara galega: “Desbloquear a negociación do convenio colectivo d@s Fundacións Biomédicas de investigación sanitaria de Galiza: Fundación Biomédica Galicia Sur,  Fundación Prof. Novoa Santos e  Fundación IDIS.  Abrir unha negociación para un convenio colectivo digno en base á realidade existente en Galiza e para todas as categorías e designar representante da Consellaría de Sanidade para a negociación con  capacidade de decisión.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG