O PP vota en contra da veciñanza de Moaña que pide a restitución dos servizos sanitarios

Paulo Ríos
Paulo Ríos

Paulo Ríos recrimina á Xunta que manteña as Urxencias pechadas con criterios que non aplica noutros sitios e que emprace calquera solución á construción do novo centro de saúde ao que puxo atrancos durante anos

Avanza que, recibido hoxe mesmo o certificado de propiedade, o concello porá xa os terreos a disposición do Goberno galego para o novo centro: “cal vai ser agora a escusa do PP?”, cuestiona con severidade

O BNG defendeu no Parlamento galego unha proposición non de lei para que a Xunta restitúa de inmediato tanto o servizo de Urxencias na Casa do Mar de Moaña como a atención médica presencial reducindo a atención telefónica aos niveis anteriores á pandemia -así como o reforzo do persoal de Atención Primaria para reducir as importantes listaxes de agarda- e proceda de igual xeito á reposición urxente do persoal médico.

Demandas todas elas que a veciñanza da localidade leva reclamando con distintas mobilizacións dende hai 27 domingos e que o PP rexeitou hoxe na comisión parlamentaria de Sanidade.

O deputado nacionalista Paulo Ríos recriminou ao PP, por unha banda, os seus argumentos para xustificar que o servizo de Urxencias siga pechado xa que, segundo recalcou, “se vostedes aplicasen os mesmos criterios que en Moaña no Clínico de Santiago, o servizo de urxencias deste hospital tamén tería que estar pechado”; e, por outra, que avanzase de novo reforzos de persoal sanitario cando os anteriores compromisos neste sentido seguen sen cumprirse.

“Compromiso tras compromiso, nota de prensa tras nota de prensa, propaganda tras propaganda e a situación segue igual”, reprochou, para recordar a continuación que, a día de hoxe, o tempo de espera para unha cita en Atención Primaria na localidade ascende a 11 días. “Catro, dicía o conselleiro de Sanidade hai escasos dous días”, censurou.

Ademais, reprobou ao grupo parlamentario do PP que tamén emprazase calquera solución ao novo centro de saúde, logo de “anos e anos de atrancos dende a Xunta para a súa construción”, utilizándoo como arma arreboladiza contra o goberno local “tentando facer ver que non se construía pola súa responsabilidade cando foi o Goberno galego o que se pasou anos e anos poñendo atrancos”.

Neste sentido, Ríos avanzou que “hoxe mesmo chegou o certificado de propiedade dos terreos ao Concello polo que automaticamente serán postos a disposición” do Executivo galego. “Xa se lles acaban as escusas ou cal vai a ser a seguinte escusa para que non haxa Urxencias en Moaña, para que non haxa servizos sanitarios de calidade en Moaña?”, cuestionou con severidade.

Ao seu xuízo, “non pode haber ningunha escusa, nin utilizar isto como unha coartada ou unha arma arreboladiza, nin as medidas provisionais que se tiveron que tomar pola pandemia se poden tornar permanentes por unha cuestión política”, polo que rematou a súa intervención instando ao PP a rectificar e “poñerse do lado da sanidade pública e dos dereitos das persoas”. 
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG