O BNG leva ao Parlamento o conflito entre percebeir@s e bateeir@s pola extracción da mexilla que está afectando á convivencia social

Montse Prado
Montse Prado
Prado pide á titular da Consellaría do Mar “que saia da súa zona do confort” e actúe de mediadora buscando unha solución satisfactoria para ambas partes

A extracción de mexilla en zonas de explotación do percebe ven sendo obxecto de conflito desde fai tempo entre as persoas que traballan nunha batea e ás que se adican á extracción do percebe, sendo o percebe e a cría de mexillón dúas especies que conviven no mesmo hábitat, polo que tanto a extracción da mexilla en bancos naturais ao igual que a extracción do percebe están reguladas desde hai anos.

O conflito xurde ao coincidir en determinadas zonas as autorizacións para a extracción da mexilla cos plans de explotación do percebe e considerar que unha actividade prexudica o outro recurso, de tal xeito que nos últimos días esta situación está derivando nun conflito aberto con enfrontamentos en diferentes zonas do noso litoral, como por exemplo na Costa da Vela en Cangas, Sada.

Esta situación ten consecuencias económicas pero tamén sociais e de convivencia polo que non é entendíbel que, neste contexto de grave desencontro entre os dous sectores, a Consellaría do Mar non actúe, razón que levou a deputada por Pontevedra, Montse Prado, a presentar unha proposición non de lei no Parlamento.

“Consideramos imprescindíbel que a Consellaría saia da súa zona de confort e asuma as súas responsabilidades de solucionar os problemas, manter os sectores divididos e enfrontados non pode en ningún caso ser unha opción, nin tampouco agardar a que o problema se solucione só”, salienta Prado na iniciativa.

“É preciso que faga labor de mediación e estableza as condicións para que se leve a cabo o diálogo entre as partes en conflito, empezando por fixar un modelo de aproveitamento de cría de mexillón determinando en que zonas se pode proceder extraer sen poñer en risco o percebe”, argumenta a deputada.

O Bloque considera urxente a actuación da Xunta para paralizar unha tensión que vai en aumento e dar alternativas que sexan satisfactorias para as dúas partes.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG