parlamento galego

BNG leva ao Parlamento a ampliación do conservatorio de música de Santiago, vella e sentida demanda da cidade

Conservatorio de Música
Conservatorio de Música
Tamén propón unificar nunha única rede pública baixo xestión directa da Xunta todos os conservatorios de música e danza de Galiza

BNG vai levar ao Parlamento, a través dunha proposición non de lei, a ampliación do Conservatorio profesional de música de Santiago que xa naceu pequeno cando se puxo en funcionamento en 2004, e que 17 anos despois está desbordado cun nivel de matriculación que máis que duplica a súa capacidade de 250 prazas.

Así o avanzou a portavoz nacional, Ana Pontón, tras a reunión mantida coa representación da ANPA e dos responsables do centro, na que tamén participou a portavoz municipal, Goretti Sanmartín, e a portavoz parlamentaria de Cultura, Mercedes Queixas.

“Ampliar a superficie do conservatorio é unha vella e moi sentida demanda da veciñanza de Santiago e, neste sentido, xa avanzo que o BNG vai levar ao Parlamento unha proposición non de lei para que a Xunta amplíe as instalacións do conservatorio co obxectivo de atender a demanda actual de estudos musicais na cidade e comarca”, explicou Pontón.

Hoxe a carencia de espazo ten como consecuencia que tampouco se garanta matricula ao alumnado que, procedente doutros centros, teñan este como referencia para concluír o grado musical profesional.

A falta de oferta suficiente fai que moitas familias teñan que recorrer ao ámbito privado para ofrecer educación musical aos seus fillos e fillas, “cun custe moi diferente”, alegou a líder do Bloque, quen tamén fixo referencia á existencia dun terreo adxacente ao actual edificio, o que facilita a ampliación. “O único que se require é vontade política de levala a cabo e dar resposta a unha demanda social”, salientou.

Conservatorio de MúsicaNas condicións actuais, cunha matricula que supera en moito a capacidade real do centro, o ensino vese condicionada pola falta de superficie, obriga a montar aulas en espazos non previstos para tal actividade ou apañarse con horarios inadecuados. Ademais da imposibilidade de atender á demanda.

Aumentar o espazo dispoñible permitiría incorporar as especialidades de música tradicional, -como a gaita de fol-,  e incluír na programación acordeón e a percusión tradicional, con demanda pero que non se atende por falta de espazo e de profesorado especializado.

Pontón aproveitou a visita para formular unha proposta de integración global nunha mesma rede pública adscrita á Xunta de todos os conservatorios que operan en Galiza, que afecta de cheo aos de titularidade municipal.

“Desde o BNG propoñemos que estes centros pasen a ser xestionados directamente pola Xunta, porque os concellos non contan con suficientes recursos, explicou, e esa integración serviría tamén para homoxeneizar as condicións do ensino musical. Neste sentido, propoñemos a creación dunha nunha rede galega de conservatorios de música e danza, previa planificación dos recursos existentes, baixo xestión directa autonómica”.

Finalmente, o Bloque demanda ofertar estudos musicais de posgrao nas universidades galegas e nos conservatorios superiores para acceder a programas de doutoramento en música, co obxectivo de  facilitar a formación superior en Galiza en lugar de ter que estudar fóra.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG