BNG lamenta que PP, PSOE e Podemos votasen contra a intervención pública de Alcoa

Néstor Rego
Néstor Rego
Néstor Rego denuncia a hipocrisía de quen na Galiza di defender a continuidade da planta e en Madrid votan en contra da única solución posíbel para logralo

O Bloque Nacionalista Galego lamenta que 22 deputados e deputadas galegas de 23 votasen en contra da emenda da formación nacionalista aos Orzamentos do Estado para proceder á intervención pública de Alcoa. Previamente á votación o deputado Néstor Rego anunciara que o BNG non apoiaría as contas do Estado por, entre outras cousas, os partidos do Goberno non aceptaren avanzar na única alternativa para garantir a continuidade da actividade na Mariña e a salvagarda de todos os postos de traballo.

Rego denuncia o comportamento hipócrita e demagóxico dos partidos estatais que din unha cousa na Galiza e fan a contraria en Madrid. “Máis unha vez, comprobamos como os mesmos partidos cuxos representantes participan nas mobilizacións na Mariña, en Madrid, cando teñen a solución nas súas mans votan en contra. É lamentábel. Dan as costas aos traballadores e traballadoras e descualifícanse a si mesmos”, sinala o deputado nacionalista.

O BNG presentara unha emenda aos Orzamentos do Estado para impulsar a intervención pública temporal de Alcoa, por medio da compra por parte da SEPI nunha operación ponte para despois ser vendida a un operador industrial cun proxecto sólido, solvente e de futuro. No proceso de negociación cos partidos do Goberno, Néstor Rego fixo causa de que fose incorporada esta proposta dos nacionalistas, o que finalmente non aceptaron.

“Teríamos votado a favor dos Orzamentos simplemente a cambio da intervención pública de Alcoa”, así de contundente foi o deputado Néstor Rego na explicación do sentido de voto do BNG. “Se París ben vale unha misa, a continuidade da actividade e o emprego na Mariña”, enfatizou.

Rego considera inaudito que o día 15 deste mes Feixoo pedise a Reyes Maroto a intervención pública de Alcoa e uns días despois os deputados e deputadas galegas do PP votasen en contra. “Ou ben Feixoo actúa de forma demagóxica por interese partidista ou os deputados do PP da Galiza votan o que lles manda en Madrid, ou as dúas cousas á vez. O que fica claro é que non defenden os intereses dos traballadores e traballadoras nin da Mariña”, sentencia Rego.

Igual de crítico se mostra o deputado nacionalista co comportamento dos representantes de PSOE e Podemos. Para o BNG, que a Ministra de Traballo, que debería preocuparse por defender o emprego, votase en contra é moi grave. “Non vale de nada dicir que se está a favor dunha solución se cando esta está sobre a mesa, con forza de lei e por tanto de obrigatorio cumprimento para o Goberno, se impide co voto que saia adiante”, salienta o deputado.

Néstor Rego asegura que este comportamento dos partidos estatais é “decepcionante”, mais non só para o BNG, senón probabelmente para os seus propios votantes. “En todo o caso, o BNG continuará traballando para atallar a grave crise industrial que sofre a Galiza e para facer posíbel unha saída estábel e de futuro para Alcoa, e sabemos que iso pasa pola intervención pública”, conclúe o deputado nacionalista.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG