O BNG insta á Xunta a intervir a residencia de maiores do Incio

A deputada, Carme Aira insta ao goberno a poñer en marcha un protocolo para protexer as persoas máis vulnerábeis, ao tempos que traslada o apoio do BNG ás familias dos usuarios, usuarias e traballadoras afectadas polo gromo da Covid19 no centro  e reclama activar un  protocolo de información detallada ás familias

A deputada nacionalista, Carme Aira trasladou hoxe o apoio do BNG ás familias de usuarios e usuarias e ás traballadoras afectadas polo gromo detectado na Residencia de maiores do Incio.

A parlamentaria do BNG pide que a Xunta “interveña o centro e un protocolo para as persoas máis vulnerables” así como  información detallada ás familias para que non se repita a situación de illamento que viviron familiares e persoas achegadas noutras residencias de maiores en distintos puntos de Galiza.

A deputada lembra que o BNG xa reclamou á Xunta “un protocolo e plan de protección con medidas eficaces contra o aumento dos contaxios pola Covid19” e amosa a súa preocupación pola repunta dos casos rexistrados na Residencia de maiores  do Incio que ascenden a 68 dos 126 usuarios e usuarias ao que hai que sumar tres traballadoras.

Para a deputada, a contratación de dúas persoas no HULA para o rastrexo resulta “insuficiente” e critica  a “opacidade” sobre o número de persoas rastreadoras na provincia de Lugo. Neste sentido, engade ter constancia do descoñecemento da EOXI de Lugo sobre o  número de persoas rastreadoras dependentes da consellería de Sanidade  destinadas á provincia e con que categoría profesional.

A parlamentaria do BNG  afirma que a situación na residencia do Incio constata “a incapacidade da Xunta” ante a segunda vaga de contaxios pola Covid19 e pide ao Goberno galego que actúe para frear a repunta do virus neste centro.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG