O BNG insta á Xunta a intervir para garantir os postos de traballo e viabilidade de Sargadelos

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Olalla Rodil reclama accións urxentes contra a vulneración dos dereitos laborais dos traballadores e traballadoras de Sargadelos

A deputada do BNG, Olalla Rodil formulou hoxe unha pregunta ao conselleiro de Industria, Francisco Conde sobre as accións que emprenderá a Xunta para garantir os postos de traballo e viabilidade da empresa Sargadelos.

 A parlamentaria do BNG lembrou que o propietario da empresa, Segismundo García presume públicamente de “vulnerar os dereitos laborais, perseguir traballadoras,  incumprir 262 leis, despedir 49 persoas” e  de ser “amo, dono e señor de Sargadelos” unha marca, que para a nacionalista é  moito máis que un centro de traballo, “é  cultura,  identidade, e País”. 

Desde o BNG dixo Rodil,  estamos enormemente preocupadas polo futuro de Sargadelos porque a “actitude medieval” deste empresario está poñendo en risco o futuro da planta en Cervo e arrastrando polo chan a imaxe dun símbolo que ergueron, con traballo, con esforzo e con compromiso galeguista : Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane. 

Sargadelos foi até hai ben pouco, engadiu a deputada,  “sinónimo de vangarda artística, a bauhaus galega,  símbolo de  renovación das formas, de innovación” e   agora ocupa páxinas nos xornais de todo o estado porque o seu principal propietario quere convertela “nun reduto do feudalismo”. 

 Desde o BNG consideramos  que ningún empresario pode actuar impunemente vulnerando os dereitos das súas traballadoras e traballadores, e moito menos facelo de maneira reiterada coa conivencia ou silencio cómplice da Xunta. “A Xunta debe  e pode actuar” recalcou Rodil que tamén lembrou que   Sargadelos, ademais dunha  empresa cultural emblemática, recibiu ao longo dos últimos anos importantes cantidades de diñeiro público para reflotar a empresa, en total un millón e medio de euros dende o ano 2010, entre eles,  “un crédito vinculado ao mantemento dos postos de traballo” procedente de Xesgalicia.  

Ao mesmo tempo que a empresa recibía recursos públicos,  o cadro de persoal de Sargadelos soportou dous EREs extintivos, “un deles ilegal” e un  concurso de acredores. Dende o mes de agosto, vinte persoas foron despedidas da planta de Cervo.

A nacionalista reclamou que a Xunta estude as vías posibles para blindar os postos de traballo e garantir os dereitos laborais. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG