GALEGAS 2020

O BNG insta á Xunta Electoral a tomar medidas para que o voto por correo se faga con garantías democráticas e sanitarias

Pide un mecanismo que confirme a identidade da persoa electora e anticiparse a un posible colapso das oficinas postais ante un previsible aumento do voto por correo
O BNG insta á Xunta Electoral a tomar medidas para que o voto por correo se faga con garantías democráticas e sanitarias

O BNG remitiu un escrito á Xunta Electoral de Galiza para reclamar a adopción das medidas necesarias para que o voto por correo poder efectuarse con todas as garantías democráticas e sanitarias, tendo en conta un previsible aumento desta modalidade de sufraxio de cara á cita electoral do 12 de xullo.

En relación ás garantía democráticas, o Bloque fai fincapé no feito de que, -debido ao protocolo de seguridade por mor da pandemia-, o servizo de correos suprimiu a obrigatoriedade da sinatura á hora de recoller ou entregar un paquete ou unha documentación nunha oficina postal, co obxectivo de minimizar o contacto e o risco de contaxio por coronavirus.

Este protocolo de seguridade, sen embargo, “é incompatible co voto por correo con todas as garantías democráticas xa que, ao estar inhabilitado o sistema de sinatura, prodúcese unha inseguridade xurídica pois as solicitudes de voto, as documentacións e a entrega do voto realízase sen ningún tipo de sinatura por parte dos electores o que pode xerar graves problemas en canto ao desenvolvemento do proceso electoral”, explica o BNG no escrito remitido á Xunta Electoral.

No relativo ás garantías sanitarias, a formación que lidera Ana Pontón chama a atención tanto sobre a seguridade das persoas que queren exercer o seu dereito ao voto como a dos traballadoras e traballadores de correos, máxime cando todo apunta a un incremento do número de electores e electoras que optarán por este modalidade.

“O previsíbel incremento do voto por correo pode provocar o colapso das oficinas, pois nos anteriores e recentes procesos electorais xa se deron importantes problemas debido ao aumento das solicitudes, provocando atascos que fixeron necesario ampliar os prazos”, indica o Bloque no escrito, ao que hai que engadir “que moitas oficinas non están adaptadas a nova situación”.

Con esta argumentación, o BNG solicita á Xunta Electoral as medidas necesarias para un proceso electoral con todas as garantías democráticas no sufraxio postal, cunha identificación e conformidade da persoa electora e no que tamén se garanta a saúde de electores e electoras, así como traballadores e traballadoras. Igualmente, solicita que se adopten as medidas necesarias a fin de evitar o colapso nas oficinas, factor que tamén afecta á seguridade sanitaria.

“O obxectivo desta reclamación é moi claro: conseguir que o voto por correo teña as máximas garantías democráticas e sanitarias”, explica a coordinadora da Executiva Nacional, Goretti Sanmartín. “Por mor da pandemia prescindiuse da sinatura á hora de recoller ou entregar calquera tipo de documentación no servizo de correos, pero nun proceso electoral é necesario garantir a identidade da persoa que vota para que se faga respectando o principio básico de unha electora, un voto”, alega.

En relación a preservar a saúde en todo o proceso,- indica Sanmartín-, “hai que adoptar as medidas que permitan votar por correo con garantías sanitarias, tanto para quen deposita a papeleta como para os traballadores e traballadoras que recollen os sobres. Neste sentido, pedimos que se actúe con antelación para evitar calquera colapso nas oficinas de correos”, conclúe.

 

O BNG insta á Xunta Electoral a tomar medidas para que o voto por correo se faga con garantías democráticas e sanitarias