PARLAMENTO GALEGO

BNG insta á Xunta a que acelere o ritmo de vacinación exixindo ao Estado máis doses e reforzando o persoal sanitario

Montse Prado
Montse Prado
A deputada Montserrat Prado afea ao Goberno galego que siga sen explicar o plan de inmunización e que non traslade á cidadanía os prazos reais
BNG insta á Xunta a que acelere o ritmo de vacinación exixindo ao Estado máis doses e reforzando o persoal sanitario

O BNG vén de reclamar á Xunta no Parlamento galego que acelere o ritmo de vacinación fronte á COVID para o que considera preciso reclamar ao Estado máis doses das que actualmente está a recibir e o reforzo, “dunha vez por todas”, do sistema sanitario galego, especialmente da Atención Primaria.

Así o manifestou a portavoz nacionalista de Sanidade, Montserrat Prado, quen durante a comparecencia da directora xeral de Saúde Pública na Cámara trasladou a máxima preocupación do Bloque polo actual ritmo de vacinación. “Se ata agora levamos unhas 70.000 doses administradas e se a velocidade de cruceiro que se anunciou supón un millón de doses á semana para todo o Estado que, polos criterios actuais de reparto, isto representaría 60.000 doses semanais para Galiza, a recomendada inmunidade do 70% da poboación tardaría en producirse aquí anos”, resumiu.

“É preciso acelerar o proceso”, recalcou, para o que considerou imprescindible “máis vacinas e máis persoal sanitario”. Neste sentido advertiu de que Galiza está recibindo menos doses das que lle correspondería por poboación en xeral e pese a contar cun segmento de persoas maiores do 25% do total poboacional. “Gustaríanos que, diante desta situación, o Goberno galego se plantara e exixira ao Executivo central o que nos corresponde”, subliñou logo de recalcar que polo criterio actual de reparto “estamos recibindo sobre o 13,9% por mil habitantes, porcentaxe das máis baixas de todo o Estado”.

De igual xeito, Prado demandou do Executivo galego o reforzo de todo o sistema sanitario, especialmente da Atención Primaria e en concreto do corpo de Enfermería, “porque as e os profesionais dos centros de saúde xa van por riba das súas posibilidades cunha sobrecarga durante toda a pandemia que agora se prevé aínda maior coa campaña de vacinación”. “É imprescindible, dunha vez por todas reforzar a Sanidade Pública e a Atención Primaria”, sentenciou.

Nesta liña, trasladou a preocupación do BNG polas seguintes fases da estratexia de vacinación do Goberno de Feixóo, da que afeou á directora xeral “non están achegando vostedes neste Parlamento ningunha información a maiores da que trasladaron previamente aos medios de comunicación”. A falta de concreción por parte da responsable de Saúde Pública, a deputada nacionalista instouna a “comunicar con transparencia ao Parlamento e ao conxunto da cidadanía como se vai executar a vacinación: onde, cando, con que profesionais, con que medios e en que prazos”, exixiu, logo de concluír acusando ao Executivo galego de tratar á cidadanía galega como “menor de idade” ao facerlle crer que vai ser vacinada no inmediato “cando isto non é certo”. 

 

BNG insta á Xunta a que acelere o ritmo de vacinación exixindo ao Estado máis doses e reforzando o persoal sanitario