O BNG insta á ONU a investigar ao Estado por vetar o acceso a documentación sobre a Ditadura e pola existencia de fundacións franquistas

Casa Cornide
Casa Cornide
O Bloque denuncia que aos 19 de Meirás denunciados pola familia Franco súmanse os 9 da Casa Cornide
O BNG insta á ONU a investigar ao Estado por vetar o acceso a documentación sobre a Ditadura e pola existencia de fundacións franquistas

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, o portavoz municipal do BNG na Coruña, Francisco Jorquera, e o investigador Carlos Babío instan á ONU a investigar ao Estado español por vetar o acceso a documentación pública e privada sobre a ditadura franquista e pola existencia de fundacións ligadas ao franquismo, “un anacronismo en Europa”. Así o subliñaron diante da emblemática Casa Cornide, onde anunciaron novas iniciativas a prol da memoria histórica, entre as que destaca a denuncia que Miranda e Babío levarán á ONU a respecto da vulneración da normativa internacional de Dereitos Humanos por parte de España.

Ana Miranda criticou que no Estado español conviven oito fundacións franquistas, como son Fundación Francisco Franco, Fundación José Antonio Primo de Rivera, Fundación Pro Infancia Queipo de Llano, Fundación Blas Piñar, Fundación Hijas de Millán Astray, Fundación Ramiro Ledesma Ramos, Fundación Serrano Suñer e Fundación Capitán Cortés. “Este feito de que existan oito fundacións franquistas máis a imposibilidade de acceder a documentos que estabelece a Lei de Memoria Histórica lévanos a presentar unha denuncia nas Nacións Unidas””, salientou Miranda, quen lembrou que o Parlamento Europeo aprobou unha Resolución contra o avance do neofascismo en Europa, da que é coautora, que insta a prohibir as fundacións e asociacións que fan apoloxía do fascismo e nazismo “porque son antidemocráticas e atentan contra a memoria das vítimas”.

Esclarecemento da verdade

Respecto á denuncia presentada na ONU, da que en setembro se saberá se é aceptada, explicou que este proceso se leva a cabo mediante un mecanismo denominado de revisión universal de dereitos humanos, que se presenta cada catro anos. “Hai catro anos Nacións Unidas fixo unha serie de recomendacións, entre as que figuraba o acceso á verdade”, sinalou, en concreto o punto que afirma que “se deben facilitar mecanismos institucionais para o esclarecemento da verdade”. Criticou asemade que este esclarecemento da verdade “non se puido facer” e incluso “atopamos unha serie de limitacións para acceder a documentos públicos e privados en relación co franquismo”, tal e como lle ten acontecido ao historiador Carlos Babío nos seus traballos de investigación, “cunha negativa de accesos incluído o Arquivo do Reino de Galiza”. Sinalou asemade que as fundacións franquistas ”teñen documentos relativos a moitas das persoas represaliadas e non se nos facilita o acceso para poder investigar”.

“O informe de Nacións Unidas recoñece que é grazas a investigadores e historiadores que se realiza ese traballo”, subliña Miranda, ao tempo que destaca que a denuncia parte do traballo realizado por Carlos Babío e Manuel Lorenzo materializado no libro libro “Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio”, a súa vez auspiciado polo entón presidente de Galiza Sempre, Francisco Jorquera. Segundo recolle a denuncia, o Pazo de Meirás segue sendo un símbolo vixente da ditadura, probablemente o máis identificable co réxime e co ditador xunto co Val dos Caídos, na medida en que os herdeiros do ditador seguen desfrutando da súa propiedade, sendo obrigados despois dunha intensa loita da sociedade civil e diversas administracións a declaralo como Ben de Interese Cultural (BIC). A impunidade da que goza a familia do ditador fixo que incluso lle encargaran á Fundación Nacional Francisco Franco a xestión das visitas, nas que realiza apoloxía do franquismo así como na súa páxina web. 

Igualmente, a denuncia sinala que o Pazo de Meirás non é alleo á impunidade dos crimes e vulneracións de Dereitos Humanos perpetrados no marco da ditadura, xa que o espolio de bens non foi resarcido en democracia e os herdeiros do ditador continuaron, como no caso do Pazo de Meirás, coa ostentación dunha propiedade que sigue sendo un agravio a súa memoria. No marco da investigación sobre o espolio do Pazo de Meirás e tamén en outras causas da ditadura, España non facilitou o acceso aos fondos dos arquivos públicos e privados suficientemente, tal como esixe a Lei de Memoria Histórica cuxo artigo 22 establece que “se garanta o dereito de acceso aos fondos documentais depositados nos arquivos públicos e a obtención das copias que se soliciten e que o previsto no apartado anterior será de aplicación, nos seus propios termos, aos arquivos privados sostidos, total ou parcialmente, con fondos públicos”.

Non obstante, España prohibiu e segue facéndoo, o acceso aos fondos do franquismo, alegando a prohibición en base á Lei de Protección de Datos Persoais, en oposición ao Regulamento Europeo de Protección de Datos. Porén, dito Regulamento indica que a protección de datos non poderá obstaculizar os estudos dos historiadores tal e como salientou o investigador Carlos Babío.

Os 9 da Casa Cornide

Francisco Jorquera, pola súa banda, salientou o traballo investigador desenvolvido por Babío e por Ana Miranda no Parlamento Europeo para denunciar a impunidade actual do franquismo no Estado español. Ademais fixo referencia á denuncia presentada pola familia Franco contra diversos activistas defensores da devolución dos inmobles incautados durante a ditadura, entre eles nove persoas que participaron nun acto simbólico na Casa Cornide, e que están citados a xuízo o vindeiro 5 de novembro na Coruña “por un delito de faltas leves, aínda que cabe a posibilidade de que a familia Franco, a través dun recurso pretenda aumentalo e agravalo”. “Aos 19 de Meirás súmanse agora os 9 da Casa Cornide”, denunciou, ao tempo que sinalou que dos denunciados pola Casa Cornide Salvador González, Carolina Fernández, e Daniel Carballada, participaron na comparecencia. 

 

“Este é un novo exemplo do mundo ao revés que se vive no Estado español. Cidadáns que loitan de xeito democrático e de xeito pacífico para denunciar a impunidade do franquismo e o espolio que practicaron os Franco teñan que sentarse no banquillo dos acusados mentres os Franco seguen actuando con total impunidade”, criticou Jorquera.