BNG insta novamente a realizar probas COVID19 ás granxas de visóns polo seu elevado risco sanitario e de dispersión da infección

Néstor Rego
Néstor Rego
Néstor Rego salientou que ante os novos focos de contaxio en granxas de visións, o impacto deste animal neste novo contexto, transcende do ambiental para converterse nun vector de transmisión da COVID-19, constituíndo un risco engadido para as poboacións periféricas e para a loita contra esta pandemia.

O Bloque Nacionalista Galego instou de novo no Congreso a que se realicen probas masivas en granxas e poboacións de visóns, do mesmo xeito que xa realizaron outros países europeos, tras a constatación da zoonosis transmitida por visóns a traballadores e veciños e veciñas de granxas.

“Esta pandemia evidenciou a tremendamente dispar actuación dos Gobernos” manifestou o deputado nacionalista, Néstor Rego. Mentres Bulgaria, Polonia ou Francia realizan probas masivas nas granxas e nas poboacións próximas, o Estado español só se limita á realización de test se existen sospeitas de síntomas, algo perigoso se se ten en conta que os mustélidos, do mesmo xeito que os seres humanos, poden ser asintomáticos.

Por outra banda, o visón americano foi sinalado por organizacións e especialistas en ecoloxía e conservación en múltiples ocasións polo seu impacto ambiental e o seu efecto nocivo sobre a biodiversidade, desprazando ou devorando a especies autóctonas unha vez que se fuxiu das granxas peleteiras, circunstancia que se acreditou desde a década dos anos 60 do século pasado, pouco tempo despois da instalación da primeira granxa no Estado español. O BNG solicitou saber cantos fondos públicos estatais e europeos foron empregados na captura e/ou sacrificio de visóns americanos fuxidos ou xa establecidos no período 2009-2019 na Galiza.

“O seu impacto, neste novo contexto transcende do ambiental para converterse nun vector de transmisión da Covid-19, constituíndo un risco engadido para as poboacións periféricas e para a loita contra esta pandemia” sinalou Rego.

A formación nacionalista considera necesario aproveitar esta oportunidade con intelixencia, visión de futuro e pensamento ecolóxico, suxerindo que é necesario dar paso a un novo tipo de emprendemento que non se base nos malos tratos animais para o que será necesario que se especifiquen cláusulas de axuda tras o peche, a condición de que o novo emprendemento sexa amable cos animais e tendente á transición ecolóxica. “Debe lembrarse que en Galiza localízase a inmensa maioría das granxas peleteiras, ámbito no que Ministerio de Agricultura e a Xunta difiren sobre o número de probas de Covid-19 realizadas nestas instalacións, un exemplo da falta de interese por controlar posibles brotes en animais e traballadores” salientou o deputado.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG