Congreso

BNG insta o Goberno a investigar as proclamas golpistas de altos mandos militares

Néstor Rego
Néstor Rego
Néstor Rego ve preocupante que non se actúe con contundencia fronte a apelacións directas ao exército e ao Xefe do Estado a actuaren fora da lei, así como o silencio de Felipe VI, que só pode interpretarse como conivencia cos propósitos antidemocráticos dos militares que se dirixiron a el por carta.

O Bloque Nacionalista Galego insta o Goberno español, concretamente ao Ministerio de Defensa, a abrir unha investigación aos militares que participaban nun chat en que se enviaban comentarios referidos ao inicio dun novo levantamento militar, nos que se consideraba a Franco "irrepetíbel" e se manifestaba que "non quedaba máis remedio que empezar a fusilar a 26 millóns de fillos de puta". Por esta razón, o BNG demanda que se depuren responsabilidades daqueles militares que seguen sometidos, segundo estabelece a lei, ao principio de neutralidade política.

“Debe lembrarse que algúns dos militares implicados están na reserva e que por tanto, seguen vinculados ao exército e deben acatar as súas normas internas” destacou o deputado do BNG, Néstor Rego. No caso dos militares retirados, efectivamente xa non se atopan vinculados legalmente ao exército, mais a formación nacionalista advirte que como ex altos mandos do exército o seu peso na cadea de mando e a súa influencia sobre as forzas armadas é evidente. “Non parece correcto que o feito de xubilarse lles dea o dereito para defender publicamente a necesidade de fusilar e dun novo alzamento militar” sinalou Rego.

Por outra parte, estes militares chegaron a remitir unha carta, que despois foi apoiada por outros membros das forzas armadas, ao monarca Felipe VI na que se facía mención da súa preocupación pola "deterioración da nación que un día xuramos defender". Tras coñecerse a existencia e contido desta carta, houbo reaccións igualmente preocupantes que veñen de militares que seguen en activo ou na reserva e aos que a esixencia de “neutralidade”, séguelles sendo de aplicación.

O BNG exixe ao Goberno español que manifeste o seu posicionamento respecto do silencio mantido neste asunto por parte do monarca Felipe VI co que está a dar un apoio tácito ás manifestacións vertidas publicamente polos militares nos chats, manifestos e as cartas que se lle dirixiron persoalmente.

Rego manifestou que “é preocupante a falta de condena por parte dos actuais mandos militares, así como, do propio rei Felipe VI que foi directamente interpelado”. O deputado considera alarmante que “o monarca non teña nada que dicir respecto dunha misiva na que se fala abertamente de fusilamentos e se lle pide que dea a orde para iso, pois co seu silencio parece apoiar o seu contido e dá ás aos militares que avogan por volver ás armas para impoñer a súa visión do que debe ser o Estado español”.

O BNG demanda ao Ministerio de Defensa que tome as medidas e accións necesarias para garantir a plena democratización das Forzas Armadas e impedir que desde as súas filas se realicen manifestacións de apoloxía do franquismo.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG