BNG insta a goberno galego e estatal a acordar as axudas para os mariscadores afectados pola dragaxe da Ría do Burgo

Ría do Burgo
Ría do Burgo
Ana Miranda e Mercedes Queixas avanzan a presentación de iniciativas nas institucións durante un encontro coa Confraría de Pescadores da Coruña
BNG insta a goberno galego e estatal a acordar as axudas para os mariscadores afectados pola dragaxe da Ría do Burgo

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, e a deputada no Parlamento Galego, Mercedes Queixas, urxen a un acordo entre o goberno galego e estatal que impulse as axudas para o colectivo de mariscadores afectados pola dragaxe do Burgo. Esta dragaxe, adxudicada recentemente por 32,23 millóns á Unión Temporal de Empresas (UTE) formada por Acciona Construcción e Matías Arrom Bibiloni, afecta a 78 mariscadores e mariscadoras, xa que terán que paralizar a súa actividade mentres duran as obras.

“É imprescindible que a administracións se poñan de acordo para dar saída ao problema ao que se enfronta o colectivo de mariscadores durante o tempo que dure a dragaxe”, subliñaron as nacionalistas durante o encontro que mantiveron coa Confraría de Pescadores da Coruña, quen recentemente trasladaron á Comisión Europea información relacionada cos retrasos sobre o saneamento integral da Ría do Burgo. Esta información foi xa incorporada á denuncia aberta na Comisión de Peticións presentada pola Confraría da Coruña en 2012 despois de que unha misión de investigación integrada por eurodeputadas e eurodeputados viaxara á ría do Burgo para coñecer de primeira man o grado de contaminación existente e a cantidade de lodos acumulados durante anos.

As nacionalistas salientaron que o saneamento da ría do Burgo é unha prioridade no traballo do BNG desde hai anos, pero ao mesmo tempo destacaron que durante os 26 meses que está previsto que dure o proxecto “os traballadores e traballadoras que se dedican á actividade extractiva teñen que contar cunha cobertura social que poida financiar o parón da súa actividade”.

Recuperación da actividade

Ana Miranda e Mercedes Queixas indican ademais que o saneamento da ría é fundamental non só para a volta á actividade extractiva dos 78 mariscadores e mariscadoras actuais, senón para recuperar o número de traballadores e traballadoras que realicen a actividade pesqueira e marisqueira, xa que hai anos chegaban aos 2.600. Ao respecto anunciaron a presentación de iniciativas nas diferentes administracións, co obxectivo de acadar o seu compromiso co colectivo marisqueiro.


 

A adxudicación do contrato e o inicio da dragaxe suporá a suspensión dos plans de explotación de marisqueo na ría, a respecto do cal o colectivo de mariscadores levan meses esixindo responsabilidades e o pago de indemnizacións mentres cesan a súa actividade para que se rexenere o espazo. Nesta liña, a portavoz do Bloque en Europa lembra que no informe da visita do Parlamento Europeo de 2013 xa se advertía que “é necesario investir en recursos humanos e financeiros, así como na mellora das súas condicións laborais”.

BNG insta a goberno galego e estatal a acordar as axudas para os mariscadores afectados pola dragaxe da Ría do Burgo