A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pide a Núñez Feixóo que compareza no Parlamento galego, “unha vez a semana” e pactar con todas as forzas políticas “as medidas para un desconfinamento” con todas as garantías.
Pontón traslada ao Presidente da Xunta a necesidade de situar “a saúde” como primeiro requisito na toma de decisións para unha desescalada e “non botar por terra” todo o conseguido durante estas semanas.
A portavoz nacional do BNG considera que o confinamento demostrou a resposta social e responsable da cidadanía galega ante a pandemia e chegou o momento de “consensuar” entre todas as forzas políticas as medidas que nos permitirán saír a rúa e recuperar, paulatinamente, o tecido, laboral, económico e social en Galiza.
Un Parlamento confinado polo Partido popular
Por outra parte, a portavoz do BNG tamén trasladou ao Presidente da Xunta a necesidade de devolver a actividade ao Parlamento galego e criticou que o titular do Executivo comparecera 19 veces en televisión e “unha na Cámara galega”. Feixóo, dixo, debe comparecer “unha vez a semana” no Parlamento e dar conta da situación galega na crise do coronavirus.
Para a nacionalista, a Xunta non pode pecar de “triunfalismo” e debe facer “autocrítica” ante datos que reflicten graves problemas na xestión política da crise. Neste sentido, destacou que o 46% dos falecementos foron rexistrados nas residencias de maiores. A Xunta, debe “extremar todas as medidas de contención para salvagardar a saúde dos maiores” e reiterou que Feixóo debe “dar a cara” no Parlamento” e explicar a responsabilidade do goberno neste ámbito.