O BNG insta ao Parlamento a abrir expediente á escola naval de Marín por adestrar escolares no uso de armas

Luís Bará
Luís Bará

Luís Bará cualifica o feito de “repulsivo” e contrario á transmisión dos valores como a paz e convivencia

O deputado por Pontevedra, Luís Bará esixiu ao goberno galego “abrir un expediente” e condenar a instrución en “armas de gran calibre” a nenos e nenas de centros escolares de Marín como actividade escolar na celebración o día 1 de xuño do 75 aniversario do asentamento da Escola Naval de Marín.

Na súa intervención, o deputado amosou diversas fotografías dos militares instruíndo a nenos e nenas  na utilización e uso de armas e rexeitou que este adestramento sexa comparable ás visitas que realizan habitualmente os escolares a institucións ou outro tipo de centros. Para o deputado, os dereitos da infancia deben ser sempre respectados así como a transmisión de valores como a  paz e convivencia  e nesta ocasión, dixo, as imaxes dos escolares aprendendo a montar e utilizar un arma “son repulsivas”. Estas imaxes reflicten que non se tratou exclusivamente dunha  visita a instalacións militares, foron “actividades de coñecemento, manexo e simulación no uso de armas de grande calibre” en centros escolares.

O acontecido, recalcou Bará, “non é propio da educación escolar” nin da participación de alumnos de 6,7 e 8 anos no uso das armas. Estou seguro, dixo,  que na programación da actividade non estaba previsto o que logo sucedeu e agardaba que o goberno galego “condenase” estes feitos porque “son repugnantes e repulsivos”.

Ademais, o deputado nacionalista pediu ao goberno galego abrir un expediente e tomar as medidas necesarias para que esta situación non se volva a repetir e  lembrou que un gran número de familias e membros do profesorado “non participaron” na actividade  nin autorizaron a visita para que os nenos e nenas foran adestrados con armas”.

Trala reposta do secretario xeral de educación, Jesús Oitavén que comparou  a actividade militar nos centros escolares coas  que se realizan habitualmente a institucións ou centros cívicos e profesionais, Bará  lamentou que a Xunta non anunciara ningún tipo de acción para denunciar ou condenar e sobre todo “evitar que se produzan feitos tan extraordinariamente graves”. Nenos e nenas instruíndose no manexo de armas en centros escolares, non en instalación militares, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG