CONGRESO

O BNG insta ao Goberno a reformar as normas para a compatibilidade da actividade artística e a percepción dunha pensión

Néstor Rego
Néstor Rego
O deputado nacionalista, Néstor Rego, presentou no Congreso unha Proposición Non de Lei para a reforma das normas necesarias para establecer a compatibilidade entre a actividade de creación artística e o cobro da xubilación
O BNG insta ao Goberno a reformar as normas para a compatibilidade da actividade artística e a percepción dunha pensión

O BNG presenta unha Proposición Non de Lei no Congreso para a reforma das normas necesarias para establecer a compatibilidade entre a actividade artística e a percepción dunha pensión da Seguridade Social ou por incapacidade absoluta permanente.

A través desta reforma, o Bloque Nacionalista Galego propón a modificación do Real Decreto polo que se regula a compatibilidade da pensión contributiva de xubilación e a actividade de creación artística, polo que se aproban medidas de urxencia sobre a creación artística e a cinematografía da cobertura legal a aquelas persoas que sendo beneficiarias dunha pensión contributiva de xubilación da Seguridade Social desenvolvan unha actividade de creación artística pola que perciban ingresos derivados de dereitos de propiedade intelectual.

Esta nova regulación que suxire o BNG comprendería aqueles ingresos superiores ao salario mínimo interprofesional en cómputo anual, pois as cantidades inferiores xa eran compatíbeis. Isto débese a que a regulación vixente exclúe de forma expresa, aos beneficiarios e beneficiarias dunha pensión contributiva de xubilación da Seguridade Social que, ademais de desenvolver a actividade á que nos referimos, realiza calquera outro traballo por conta allea ou propia que dea lugar a súa inclusión en calquera réxime da Seguridade Social.

Rego a través desta Proposición Non de Lei exixe que se inclúa no Réxime de Clases Pasivas do Estado esta compatibilidade coa actividade de creación artística, así como deixar claramente establecida a compatibilidade entre xubilación e creación, tanto con cesión a terceiros como sen ela. Ademais, da creación dalgún sistema de rexistro que permita demostrar de forma sinxela se os ingresos xerados proceden ou non de períodos cotizados, e polo tanto amparados na compatibilidade.